Skip to main content
STG

A Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo acolle a segunda xornada sobre igualdade de oportunidades 'Transformando'

A Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo acolle este venres, día 13, a segunda das xornadas ‘Transformando. Emprego, economía social e igualdade de oportunidades’ que organiza a Vicerreitoría de Coordinación do Campus co apoio do proxecto Equal-Lugo Social.
A xornada comezará ás 10:00 horas coa intervención do director territorial da Fundación Secretariado Xitano, Santiago González Avión, que falará sobre a relación entre a exclusión social e o estado do benestar. A continuación a avogada especialista en dereito de estranxeiría e inmigración, María Cristina García Gallego, disertará sobre as barreiras e dificultades para a integración e a orientadora laboral da Fundación Secretariado Xitano, Olalla Radío García, rematará o programa da mañá falando sobre as novas perspectivas de emprego e inserción sociolaboral.
As actividades previstas para a tarde inclúen un taller a partir das 16:30 horas sobre a sociedade intercultural, baixo a dirección da profesora do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da USC, Beatriz Fernández Herrero. Seguidamente celebrarase unha tertulia sobre a experiencia innovadora en saúde mental na que participarán membros de APEM e de Radio Nordés.

The contents of this page were updated on 04.12.2007.