Alumnos da Universidade de East of London realizan prácticas educativas nunha escola galega grazas a un programa da USC

Ao abeiro dun programa de intercambio entre estudantes e profesores de facultades de Ciencias de Educación británicas e da USC, seis alumnos da Universidade de East of London realizan na actualidade as súas prácticas profesionais no Colexio de Educación Infantil e Primaria ‘López Ferreiro’. A continuación, o mesmo número de alumnos do centro santiagués viaxará este mesmo mes á Universidade de East of London onde realizará o propio nunha escola do Reino Unido.
Cunha duración de catro semanas, o programa de Intercambio e Formación Inicial de Alumnos e Alumnas da Facultade de Ciencias da Educación inclúe a visita dun profesor-titor británico en Compostela e viceversa, co fin de avaliar o traballo do alumnado participante.
Asemade, dentro desta iniciativa, a USC tamén organizará eventos culturais e de formación, a publicación de informes e estudos, o desenvolvemento de traballos de investigación entre institucións e a realización de estudos comparativos.
Este proxecto, que se repetirá en cada curso académico con seis alumnos británicos e da USC, pretende aumentar as aptitudes lingüísticas dos estudantes, alcanzar unha comprensión das prácticas de ensinanza en distintos idiomas, permitir aos profesores incluír un enfoque comparativo con respecto aos labores pedagóxicos aplicados no estranxeiro, fomentar unha sensibilidade intercultural e mellorar as aptitudes de ensinanza dos alumnos de Ciencias da Educación.
As profesoras da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, Elsa González e Susana Domínguez, coordinan este programa xunto coa colaboración da Vicedecana de Organización Académica e Prácticum do mesmo centro, Elena Fernández Rey, e do Vicedecano de Converxencia Europea e Calidade, Xesús Rodríguez Rodríguez.
Froito dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Facultade de Ciencias da Educación da USC, o programa conta con varias bolsas nas que se inclúen os gastos de viaxe, seguro médico e alimentación, entre outros aspectos.