O Grupo de Teatro do Campus de Lugo inaugura a XII Mostra Teatral Universitaria de Ourense

O Grupo de Teatro do Campus de Lugo participará nos actos de inauguración da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) que comeza este sábado, día 14, en Ourense e que se prolongará nas vindeiras dúas semanas. A compañía luguesa aporta a posta en escena da súa montaxe ‘O Público’ de Federico García Lorca acompañados, nos actos inaugurais, pola actuación de Pepe Viyuela e un desfile do grupo ourensá Cordelia.
Esta é a cuarta vez que o Grupo de Teatro do Campus de Lugo participa na MITEU, recibindo nos tres anos anteriores a mención especial do xurado polas interpretacións de ‘Joan’ no 2004, ‘Nai?’ no 2005 e ‘Km 526’ o ano pasado. A montaxe de ‘O Público’ estreouse en marzo no XIII Festival Intenacional de Teatro Universitario da USC e nela participan varios artistas ourensás como o escenógrafo Suso Díaz ou o actor Tito Asorei.
Un total de 23 grupos teatrais de España, Israel, Palestina, O Sahara e Cuba participarán nesta edición da MITEU, actuando en diversos escenarios como a propia rúa, o Teatro Principal, o Auditorio e a Sala Universitaria. A mostra inclúe outras actividades como exposicións, coloquios e a proxección de documentais.