Skip to main content
STG

Expertos de toda Europa analizarán nun congreso o desenvolvemento turístico da Costa da Morte

O encontro comezará este xoves, día 19, na Casa da Cultura de Corcubión

Baixo o título ‘A Costa da Morte e os fisterras europeos’, o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da Universidade de Santiago organiza a segunda edición do Congreso de Turismo Costa da Morte en colaboración co Plan de Dinamización Turística Costa da Morte e a Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte. As sesións, nas que participarán expertos de toda Europa para analizar o desenvolvemento turístico, terán lugar na Casa da Cultura de Corcubión do 19 ao 21 de abril. A USC ofrece un crédito de libre configuración aos estudantes que asistan a estas xornadas.
A sesión inaugural do encontro, que se celebrará o vindeiro xoves, día 19, ás 10:00 horas, contará coa presenza do conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Fernando Blanco; o director do CETUR, Xosé Santos; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Jesús Salvador Fernández; o alcalde do Concello de Corcubión, Francisco Javier Lema; o presidente da Comisión de seguimento do Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte, Pablo Villamar; e o presidente da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte, Manuel Pan.
Logo do acto de apertura, o congreso continuará coa conferencia ‘Os fisterra europeos entre o mito e a realidade’ que pronunciarán os doutores pola USC Marco García Quintela e Francisco Javier González García. Deseguido, varios representantes dos fisterras europeos darán a coñecer os seus destinos turísticos nunha mesa redonda coordinada polo presidente da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte.
Na sesión vespertina, o encontro continuará da man do director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias, que ofrecerá unha charla sobre os programas de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013. Como peche da xornada, o director xeral de Planificación Económica e Fondos Europeos da Xunta de Galicia, Aureliano García; Pablo Villamar e varios expertos europeos debaterán nunha mesa redonda as posibles liñas de colaboración entre estes destinos turísticos.
Durante os días 20 e 21, no congreso abordaranse cuestións como a importancia da xestión nun destino turístico, a situación actual da nova Lei de Turismo, a comunicación eficaz, a inspección turística, ou os desafíos de ser máis competitivos, ao tempo que presentarán os actuais produtos turísticos da Costa da Morte. Co fin de coñecer algunhas das principais actuacións desenvoltas polo Plan de Dinamización Turística na zona, o último día do congreso realizarase unha excursión por toda a Costa da Morte.
Xornadas especializadas na formaciónEnmarcadas nestes seminario, a Casa de Cultura de Corcubión acolle nas tardes dos días 17 e 18 de abril unha xornadas especializadas na formación para a calidade do sector turístico nas que varios expertos falarán sobre o presente e futuro da preparación dos profesionais na Costa da Morte.

The contents of this page were updated on 04.16.2007.