A USC convoca a sexta edición dos VI Premios á Innovación Educativa e mellora da calidade docente
A Universidade de Santiago de Compostela, co obxecto de fomentar a calidade e innovación educativa no ensino superior, convoca a sexta edición dos Premios á Innovación Educativa na Universidade que, con carácter anual, tentan contribuír á colaboración institucional na construción dun espazo europeo de educación superior.
A estes premios que convoca o Instituto de Ciencias da Educación se poden presentar experiencias de innovación en materias regradas, xa realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago. O prazo para a presentación de orixinais - preferentemente en galego e cunha extensión máxima de 25 folios - permanecerá aberto ata o día 20 de xullo de 2007.
O contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoña algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da USC. A experiencia terá sempre relación con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade.
As propostas que se presenten deberán estar referidas ás temáticas Titoría universitaria; Practicum das diferentes titulacións; Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais ou culturais, entre outros); Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico; Avaliación das aprendizaxes; Comunidades de aprendizaxe e redes docentes; Uso de materiais dixitais na docencia; Emprego de portafolios; e Experiencias de desenvolvemento de guías docentes.
Premios O xurado dos Premios, que estará presidido polo reitor ou vicerreitor en quen delegue, e composto o director do ICE, catro profesores da USC e un xefe de división do ICE que actuará como secretario, recoñecerá un máximo de seis experiencias que estime de maior calidade para a innovación educativa na USC. Os premios están dotados de 3.500 euros o primeiro, de 2.700 o segundo, 2.200 para o terceiro, 1.700 para o cuarto, e 1.200 e 700 para quinto e sexto, respectivamente. Poderanse conceder ademais tres accésits sen percepción económica.