Skip to main content
STG

Inauguradas as xornadas 'Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación'

Preto de 150 persoas participan nestas xornadas inauguradas na Facultade de Matemáticas
Preto de 150 persoas participan nestas xornadas inauguradas na Facultade de Matemáticas

As xornadas ‘Universidade e Discapacidade. Favorecendo o coñecemento, fomentando a participación’ comezaron este venres 13 na Aula Magna da Facultade de Matemáticas onde se van desenvolver ata o vindeiro domingo, día 15. O encontro, que inaugurou o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, pretende desenvolver a inclusión das persoas con diversidade funcional dentro dos centros universitarios.
No transcurso deste encontro o Servizo de Participación e Integración Universitaria presentará a proposta da USC en materia de protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais. A de Santiago é a primeira universidade galega que edita estes protocolos que se complementarán co desenvolvemento de talleres prácticos para a aplicación dos citados protocolos baixo a coordinación de técnicos de COGAMI, ONCE e FAXPG. Ademais, e como xa sucedera na pasada edición do curso de formación en Voluntariado, a secretaria técnica do encontro contratou traballadores do colectivo Down Compostela, nunha aposta polo fomento da participación das persoas con necesidades específicas na vida diaria da USC.
No seu conxunto, as sesións académicas previstas teñen como obxectivo desenvolver entre os asistentes as habilidades básicas para a actuación neste eido e desterrar estereotipos sobre as capacidades das persoas con necesidades especiais, continuando así con algunhas das cuestións tratadas con anterioridade no pasado ‘IV Curso de Formación Básica en Voluntariado’.
Así, neste encontro abordaranse temas como os retos do Espazo Europeo de Educación Superior cara a formación de profesionais con diversidade funcional, os protocolos de actuación con persoas con necesidades educativas especiais, as adaptacións curriculares ou o tratamento do alumno con diversidade funcional na Educación Secundaria, entre outros.
Ademais do desenvolvemento de varios talleres prácticos, o curso tamén acollerá a proxección da película ‘Inside I’m dancing’ e a presentación do centro de Documentación de Vida Independente por parte dun representante da Asociación AMBAR e membro do Foro de Vida Independente, Antonio Novoa.
Con máis de mil asistentes durante a anterior edición, estas conferencias e talleres organízanse en colaboración coa Xunta de Galicia, Bancaja, Once, Cogami e a Federación de Asociacións de Enfermos Mentais de Galicia.
Programa das xornadasLogo do acto inaugural, o profesor da Universidade de Valencia Francisco Alcantud pronunciou a conferencia ‘Os retos do Espazo Europeo de Educación Superior de cara á formación de profesionais con diversidade funcional’. A sesión matinal completouse coa presentación do relatorio ‘Os protocolos para a integración de persoas con discapacidade: unha proposta da USC’ a cargo do coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier F. Agrafojo, e da integrante deste mesmo servizo, Cristina Boo Paradela.
Pola tarde, a partir das 16:00 horas, a licenciada en Dereito pola USC Ánxela López analiza as consecuencias da aplicación da Lei 39/2006 de 14 de decembro de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia na integración do alumnado con discapacidade na Universidade. A continuación, desenvólvense diversos talleres sobre as normas de actuación con persoas con discapacidade visual, auditiva e física. Coordinados por técnicos da ONCE, da Federación de Xordos do País Galego e da COGAMI, os talleres celebraranse simultaneamente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas Facultades de Bioloxía e Matemáticas, respectivamente.
O programa previsto para o sábado, día 14, comezará ás 10:00 horas cunha intervención do profesor da Universidade de Murcia Antonio Pérez Manzano sobre as adaptacións curriculares. O resto da quenda matinal e a da tarde continuará coa celebración dos talleres coordinados por técnicos de ONCE, da Federación de Xordos do País Galegos e da COGAMI sobre normas de actuación con persoas con discapacidades visuais, auditivas e física. Pechando esta segunda sesión proxectarase a película Inside I’m dancing, de Damien O`Donnell (2004) que dará paso a un coloquio.
Estas xornadas clausuraranse o domingo 15 cunha sesión que comezará ás 10:00 horas analizando o tratamento do alumno con diversidade funcional na Educación Secundaria, a cargo do asesor da Consellaría de Educación e integrante do equipo de Orientación Específica do IES Eduardo Pondal, Antonio Ovidio Montes. Para pechar o programa de actividades Antonio Novoa Romay, da Asociación AMBAR e do Foro de Vida Independente, presentará a partir das 12:30 horas o Centro de Documentación de Vida Independente.

The contents of this page were updated on 04.13.2007.