Homenaxe a Neruda na residencia universitaria Monte da Condesa
O escritor galego Noel Blanco Mourelle organiza na noite deste luns, ás 20:00 horas na Residencia Universitaria Monte da Condesa, un café-coloquio arredor da figura de Pablo Neruda. Trátase dunha homenaxe na que se viaxará a través da memoria colectiva coa fin de que “rexurda a memoria do autor chileno que soergueu a súa voz como unha das máis rexas do panorama literario mundial, en chave sempre dun compromiso irrenunciable para co seu pobo”, como anuncia o propio Noel Blanco.
O acto, que se desenvolverá na antiga cafetaría da residencia, está enmarcado no ciclo ‘Espazo-Debate’, organizado pola Bolsa de Actividades Socioculturais, e conta co financiamento da Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.