Skip to main content
STG

Presentado o 'Programa de formación e prácticas en empresas para alumnos de excelencia académica da USC'

O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, o concelleiro de Promoción Económica do Concello de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel Noya, presentaron este mércores o ‘Programa de formación e prácticas en empresas para alumnos de excelencia académica da USC’. O programa xurde do traballo realizado na Rede de Cooperación Local e das conclusións das Roldas de Traballo desenvolvidas polos distintos axentes que participan na mesma. Está previsto que o programa leve o nome de Manuel Caeiro, o anterior presidente da Confederación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.
A iniciativa, que conta cun orzamento de 60.000 euros, é a primeira actividade deste tipo que xurde en Santiago permitindo fomentar especificamente a realización de prácticas en empresas cos estudos de posgrao. O seu obxectivo é aproveitar o potencial dos alumnos con mellores expedientes académicos da USC, favorecendo a súa empregabilidade e evitando así a súa saída do concello compostelán.
Bases do programa para empresasPoderán beneficiarse das axudas previstas na convocatoria as empresas que teñan a súa sede física e de actividade no Concello de Santiago, onde se desenvolverán de xeito principal as tarefas da praza a cubrir. Na valoración das solicitudes terase en conta a vinculación da empresa ao territorio e a utilización de recursos da zona, se o perfil profesional ofertado coincide cos sectores económicos considerados estratéxicos para a cidade, a posibilidade de integración da praza no cadro de persoal da empresa e a memoria de tarefas a realizar. A contía da subvención será de 12.000 euros por praza ofertada e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de xuño.
Bases do programa para alumnos de excelencia académicaPoderanse beneficiar do programa os titulados superiores da USC que teñan obtido ou reúnan no momento de concorrer a esta convocatoria a titulación requirida para ocupar a praza que se solicita. As persoas interesadas deberán ter nacido despois do 1 de xaneiro de 1976 e non ter máis de seis meses de experiencia laboral previa relacionada coa súa titulación, exceptuando para ese cómputo as bolsas de colaboración de carácter académico realizadas en centros universitarios e ás prácticas en empresa.
Nesta fase do proceso as persoas interesadas, tanto as empresas como os titulados, poden contar co asesoramento do persoal técnico da Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago. As bases estarán a disposición das/os interesadas/os na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego http://www.maiscompostela.org/, a partir do día seguinte á súa publicación no BOP da Coruña.

The contents of this page were updated on 05.09.2007.