A Facultade de Física celebra este xoves o acto de clausura do curso coa entrega dos premios do I Certame de Iniciación á Investigación Científica
A Facultade de Física celebra este xoves, día 10, ás 19:00 horas na Aula Magna, o acto de clausura do curso académico. No transcurso da cerimonia farase entrega dos premios do I Certame de Iniciación á Investigación Científica da USC.
En colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, a Facultade convoca a Primeira Edición deste certame coa finalidade de fomentar o interese pola Física, premiando aqueles traballos que se distingan polo seu rigor e orixinalidade. O xurado que decidiu os premios está composto por Eva Acosta Plaza, Diego Cabello Ferrer, Alberto Pérez Muñuzuri e Xosé Sánchez De Santos.
Os premios outorgaranse en tres modalidades diferentes, como son Narrativa científica para menores de 18 anos e para maiores de 18 e Traballos de investigación realizados individualmente o en grupos, orientados estes últimos principalmente a alumnos do Ensino Secundario Obrigatorio, aínda que, excepcionalmente, poderán ser premiados os elaborados por alumnos do Ensino Primario.
Os traballos de investigación están dotados de 1.000 euros para o primeiro premio, 400 para o segundo e 200 para o terceiro, mentres que os de narrativa científica, tanto para maiores como menores de 18, constan dun único premio de 500 euros, existindo a posibilidade dun accésit de 200.