A 'Quincena das Artes' comeza na RU Monte da Condesa buscando tesouros perdidos e xogando partidas de rol
A 'Quincena das Artes' comezará o vindeiro luns, día 14, na residencia universitaria Monte da Condesa coa busca dun tesouro, a partir das 20:30 horas, e con varias partidas de rol ás 22:30 horas. Estas actividades culturais continuarán amenizando á comunidade universitaria ata o domingo 27 de maio.
Na xornada do martes 15 o centro acollerá un fotomaratón dixital, ás 16:00 horas, un concerto de música brasileira, ás 22:00 horas, e unha noite de astronomía que se celebrará ás 23:30 horas polos arredores da residencia. Xa o mércores 16, o ciclo abrirá ás 17:00 horas cun torneo ‘Pro Evolution Soccer’ e continuará ás 22:00 horas cunha conferencia sobre a regueifa.
Para o xoves, día 17, está previsto un torneo de dardos ás 20:00 horas e un encontro literario ás 22:00 horas e para a tarde do venres 18 organizarase ás 17:00 horas un paseo en bicicleta pola beira do Río Sar. Xa na fin de semana, o ciclo contará cunha ruta de sendeirismo polas Fragas do Eume e interpretaranse varios contos musicais.
A 'Quincena das Artes' seguirá durante a segunda semana coa proxección de varias películas, partidas de tute, concursos, concertos, unha visita ao Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ ou un recital de poesía, entre outras moitas actividades.