A incubadora de empresas da USC, Uninova, organiza unha mesa de expertos en e-learning
A incubadora de empresas da Universidade de Santiago, Uninova, organiza o vindeiro luns, día 21, unha mesa de expertos pertencentes a empresas do sector das TIC co fin de facer unha diagnose da situación actual da actividade do E-learning en Galicia e no Norte de Portugal. A xornada desenvolverase a partir das 17:00 horas no Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) da USC.
Os expertos e profesionais do sector que participarán no evento tratarán de identificar cales son as novas oportunidades de negocio no sector das novas tecnoloxías da información e comunicación e máis en concreto no que respecta á tecnoloxía aplicada á aprendizaxe.
Esta actividade enmárcase no Proxecto Europeo TRANSTIC-IC.INTERREG IIIA ( Programa Transfronteirizo para la Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC), do que UNINOVA é socio xunto co BIC GALICIA (coordinador do proxecto), o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Asociación de Novos Empresarios de Vigo, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Oficina da Innovaçao Empresarial (BIC Minho) e pola Associaçao Universidade Empresa para o Desenvolvimento” (TEC Minho).