Skip to main content
STG

Frank Wilczek, Premio Nobel de Física 2004, por primeira vez en Compostela

O científico Frank Wilczek (Long Island, EE.UU., 1951), Premio Nobel de Física 2004, visitará por primeira vez Santiago de Compostela esta semana, entre o 17 e o 21 de outubro, dentro do programa de divulgación científica ‘ConCiencia’ que organiza conxuntamente a Universidade de Santiago e o Consorcio de Compostela.
A axenda de Frank Wilczek comezará o xoves, día 18, cunha xuntanza con investigadores e alumnos da USC na que debaterán sobre os constituíntes fundamentais da materia. A reunión terá lugar ás 12:30 horas na Aula Magna da Facultade de Física.
Ese mesmo día, ás 20:00 horas no Comedor Real do Hostal dos Reis Católicos, pronunciará a conferencia ‘O universo é un lugar estraño’ nunha sesión aberta a toda persoa interesada.
Xa o venres 19 ditará un seminario no Departamento de Física de Partículas, no que exporá as expectativas teóricas que esperta o Large Hadron Collider, experimento que comezará a funcionar o ano que vén no CERN (Xenebra) e no que participan grupos de investigación da USC.
Frank WilczekAos 21 anos Wilczek enviou, en colaboración co seu director de tese David Gross, o seu primeiro artigo científico á revista Physical Review Letters no que se resolvía un aparente paradoxo do mundo subatómico. Os experimentos indicaban que os quarks, partículas subatómicas que xunto aos electróns compoñen toda a materia coñecida, se movían libremente no interior dos protóns e neutróns ao ser impactados por partículas moi enerxéticas. Ao mesmo tempo, para dar cohesión aos mesmos e, en última instancia, ao núcleo atómico, os quarks debían interactuar moi fortemente entre si.
Gross e Wilczek explicaron como podían reconciliarse comportamentos tan disímiles ao demostrar unha sorprendente propiedade dos quarks á que denominaron libertade asintótica. Foi precisamente o contido deste traballo o que levou á Academia Sueca a outorgarlles o Premio Nobel de Física en 2004 xunto a David Politzer, quen chegara a similares conclusións de forma independente.
Frank Wilczek, actualmente profesor no Massachusetts Institute of Technology, é un físico teórico de extraordinaria versatilidade, pois ademais de ser un dos máximos especialistas nunha teoría tan complexa como a cromodinámica cuántica realizou contribucións de substancial relevancia en cosmoloxía, buratos negros, física da materia condensada e un longo etcétera.
O científico que esta semana visita a USC foi profesor no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton, lugar no que destacaron figuras como Albert Einstein, Kurt Gödel e Robert Oppenheimer. Durante a súa estadía nese centro, Wilczek habitou a casa na que viviu Einstein ata a súa morte.

The contents of this page were updated on 10.15.2007.