A Facultade de Farmacia inaugura unha reunión científica cunha conferencia sobre unha posible vacina contra a SIDA
Enmarcada nos actos de conmemoración do seu 150 aniversario, a Facultade de Farmacia organiza unha reunión científica multidisciplinar que se inaugurará este venres, día 15, ás 12:00 na Aula Magna do propio centro coa conferencia ‘Desenvolvemento dunha vacina contra a VIH/SIDA’ do profesor de Investigación do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIS, Mariano Esteban Rodríguez. Ao acto tamén asistirá o decano de Farmacia, José Miñones Trillo, e a coordinadora do encontro, a profesora María Isabel Cadavid.
Mariano Esteban, doutor en Farmacia pola USC, destaca polos seus traballos sobre a bioloxía do virus vacinal que serviron para a creación dunha vacina contra a varíola e para elaborar outras posibles contra a SIDA, malaria e Leishmania, sendo pioneiro en procedementos de inmunización combinada de vectores. Actualmente, xa iniciou o desenvolvemento de novas vacinas contra a hepatite C e cancro de próstata.
Con máis de 200 traballos publicados en revistas internacionais e máis de 200 comunicacións en congresos de todo o mundo, este científico traballou máis de vinte anos en institucións estranxeiras e, en 2005, obtivo un acordo coa Fundación Marcelino Botín para o desenvolvemento de novas vacinas. O seu proxecto de ‘poxvirus recombinantes’ coma vacinas contra a VIH/SIDA foi seleccionado pola Fundación Bill y Melinda Gates.
A reunión científica, xunto cunha exposición de carteis que ten lugar ao mesmo tempo na Facultade, céntrase en dar a coñecer o traballo dos seus vinte e oito grupos de investigación e as súas preto 75 liñas de investigación. Logo deste encontro, a iniciativa continuará ao longo dos vindeiros meses con diversas actividades de divulgación nas que os investigadores de Farmacia explicarán as liñas dos seus traballos que xa se atopan recollidas nun libro editado polo propio centro.
Xuntanza de ex profesoresA Facultade de Farmacia tamén será sede este mesmo venres 15 dunha xuntanza dos seus ex profesores que terá lugar ás 13:00 horas e á que asistirán a catedrática de Bioquímica da Universidade Complutense de Madrid e presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, María Teresa Miras Portugal, e o catedrático de Bioquímica da Universidade de Salamanca, José Antonio Cabezas Fernández del Campo.
Neste acto entregaranse medallas conmemorativas do 150 aniversario da Facultade aos ex profesores e, como clausura, intervirá o decano Miñones Trillo. Xa pola noite, a celebración continuará no Auditorio de Galicia cunha actuación ás 20:30 horas do grupo ‘Leilía’.