Skip to main content
STG

O circuíto 'Curtas no Nadal' contempla 25 proxeccións a próxima semana na Facultade de Humanidades de Lugo

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo será sede o próximo martes e mércores do proxecto audiovisual ‘Curtas no Nadal’, que contempla a proxección de 25 curtas cun total de máis de catro horas de cine repartidas en diferentes sesións para todo tipo de público.
Este proxecto, que chega ao Campus de Lugo da man da Vicerreitoría de Cultura, está organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte a través da Axencia Audiovisual Galega coa coordinación de Mr. Misto Films. Trátase dun circuíto que se realiza en toda Galicia con proxeccións en campus universitarios, locais de hostalaría, locais de asociacións e salóns de actos de centros de ensino.
O seu obxectivo é ofrecer unha alternativa á programación tradicional das salas de cine e achegar ao gran público a curtametraxe feita en Galicia, na que cada vez se moven maior número de realizadores. Trátase de conseguir vertebrar unha programación regular de curtas nas vilas e concellos que teñen dificultades de programación audiovisual.
As proxeccións realizaranse en Lugo na Facultade de Humanidades entre o martes 18 e o mércores 19. Na primeira xornada haberá catro sesións diferentes. Ás 10:00 horas dará comezo a sesión infantil, na que se poderán ver 5 curtas de animación. A continuación, ás 11:30, será a sesión xuvenil, con seis curtas dos xéneros das aventuras, comedia e fantástico.
Pola tarde, haberá dúas sesións de ficción diferentes, a primeira será ás 15:00 horas con cinco curtametraxes e a segunda ás 20:00 con outros cinco.
O ciclo pechará o venres, ás 22:00 horas, coa proxección de cinco filmes de 12 minutos de duración cada un.
Os centros de ensino interesados en asistir cun grupo de alumnos a calquera das proxeccións poden poñerse en contacto coa oficina de Cultura do Campus de Lugo no número de teléfono 982 28 59 00 ext. 21511.

The contents of this page were updated on 12.11.2007.