Skip to main content
STG

A Facultade de Farmacia convoca un certame de pintura no seu 150 aniversario

A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela convoca, xunto coa empresa Alcaliber S.A., un certame de pintura co que, entre outras actividades, se conmemora o 150 aniversario do centro universitario compostelán. O prazo de presentación de traballos rematará o 31 de outubro ás 14:00 horas.
No concurso, aberto a toda persoa interesada e cunha temática libre, establécense as modalidades de debuxo e pintura. Os participantes só poderán presentar unha obra nunha destas dúas categorías, quedando excluídos os artistas que non cumpran con este requisito.
Os premios concederanse tamén en función das devanditas modalidades; así mentres que nos debuxos o primeiro galardón dotarase de 1000 euros e o segundo de 500, na modalidade de pintura o primeiro premio contará con 1500 euros e o segundo con 750.
As obras non poderán estar enmarcadas nin ter participado noutros certames. As dimensións das mesmas non superarán 100 x 80 centímetros na modalidade de debuxo e 146 x 114 na categoría de pintura. O fallo do concurso farase público o día 30 de novembro na páxina web do 150 aniversario da Facultade de Farmacia.
O xurado do certame estará presidido polo decano da Facultade de Farmacia, José Miñones Trillo, e composto por profesores e personalidades do mundo artístico que valorarán a orixinalidade e calidade dos traballos presentados.

The contents of this page were updated on 07.30.2007.