A Universidade de Santiago homenaxea ao catedrático José Luis Vila Jato con motivo da súa xubilación
O Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e a Facultade de Farmacia da USC homenaxean este venres, día 21, ao profesor José Luis Vila Jato, con motivo da súa xubilación. Catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Vila Jato desenvolveu a súa longa e frutífera traxectoria profesional na USC.
No acto académico, que terá lugar ás 10:00 horas no Salón Nobre de Fonseca, o reitor imporalle a Insignia de Ouro da USC en recoñecemento aos seus relevantes servizos á institución. Á cerimonia asistirán a vicerreitora de Investigación, María José Alonso; o decano da Facultade de Farmacia, José Miñones; o director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Ángel Concheiro; o presidente da Academia de Farmacia de Galicia; o presidente da Sociedad Española de Farmacia Industrial y Galénica; e a subdirectora xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios.
Mesa redondaLogo da cerimonia de imposición da Insignia de Ouro da USC está prevista, ás 12:30 horas, unha mesa redonda baixo o título ‘Cincuenta anos de Farmacia Galénica na Universidade de Santiago de Compostela’ na que, moderada polo profesor Concheiro Nine, participarán os profesores María José Alonso, D. Duchêne, Domínguez Gil-Hurlé, Llabrés Martínez, Cuña Estévez e Martínez Pacheco. Todos eles analizarán nas súas intervencións a proxección internacional do profesor Vila Jato, a súa relación profesional co Servizo de Farmacia do CHUS e a súa contribución á biofarmacia, á farmacocinética e á tecnoloxía Farmacéutica. Pola súa banda, María José Alonso falará do grupo de investigación sobre nanotecnoloxías aplicadas ao deseño de sistemas de liberación de fármacos.