Skip to main content
STG

A UE inviste máis de 10 millóns de euros na análise do microbioma do Océano Atlántico baixo o cambio climático

Sebastián Villasante
Sebastián Villasante
O profesor do departamento de Economía Aplicada Sebastián Villasante representa á USC neste consorcio no que participan 36 socios da Unión Europea, Brasil e Sudáfrica
Santiago de Compostela

A Comisión Europea acaba de dar luz verde ao proxecto europeo ‘AtlantECO-Atlantic ECOsystems assessment, forecasting & sustainability’ cunha duración de catro anos e cunha financiación de 10,9 millóns de euros. A finalidade desta investigación consiste en determinar a estrutura e funcións do microbioma do Océano Atlántico baixo o influxo do cambio climático e o lixo mariño. O profesor do departamento de Economía Aplicada da USC, Sebastián Villasante, é xunto co Italian Euro-Mediterranean Center on Climate Change, responsable da avaliación monetaria e non-monetaria dos servizos eco sistémicos mariños de aprovisionamento, de regulación e culturais afectados por estes factores.

AtlantECO, coordinado pola Stazione Zoologica Anton Dohrn (Italia) e no que participan 36 socios da Unión Europea, Brasil e Sudáfrica, ten como obxectivo desenvolver e aplicar no Océano Atlántico, desde Islandia ata Brasil e Sudáfrica, novas metodoloxías con vistas a co-xerar coñecemento básico e aplicado sobre a estado actual e futuro dos serviZOS eco sistémicos mariño-costeiros. Este coñecemento está baseado na combinación de modelos de simulación e enfoques participativos cos usuarios interesados en diferentes eco rexións.

A finalidade de AtlantECO consiste en determinar a estrutura e funcións do microbioma do Océano Atlántico no contexto da dinámica de cambios na circulación oceánica, os fluxos de carbono baixo a presencia de múltiples forzantes antropoxénicos como é o caso do cambio climático ou os plásticos; e a súa influencia na provisión de servizos eco sistémicos e o benestar das comunidades costeiras e a sociedade no seu conxunto. O proxecto tamén avaliará os puntos críticos e de non-retorno das eco rexións, os seus servizos eco sistémicos e os sectores económicos, nomeadamente pesca e acuicultura, no suposto de diferentes escenarios de futuro.

 

The contents of this page were updated on 12.11.2019.