A Área de Filoloxía Catalá impulsa unha nova materia que pon en relación a aprendizaxe deste idioma co patrimonio

O catalán como lingua de Europa, pero tamén o vínculo entre paisaxe e identidade, o patrimonio, ou a cultura popular e o deporte, entre outros aspectos, son algunhas das temáticas que aborda ‘En catalán. Vivir e comunicarse’, materia que a USC vén ofertando dende este ano académico. Destinada a todo o alumnado de programas de intercambio, esta materia pretende que os estudantes que non son especificamente do eido da filoloxía poidan desenvolver unha aproximación ao catalán.
“Esta materia é unha boa oportunidade para fomentar a aprendizaxe significativa e de intercomprensión entre linguas e culturas”, sinala M. Mercè López Casas, profesora da Área de Filoloxía Catalá. “O interese que esperta o catalán nos estudantes de intercambio é sobradamente coñecido. O feito de aprender a lingua e cultura catalás desde o mesmo centro de camiños que é Santiago e Galicia, fai o estudo desta materia totalmente idóneo de cara a atender a diversidade multicultural e plurilingüe. Entendemos, en consecuencia, que esta materia non significaría só a oferta dunha lingua e cultura máis de estudo, dentro de todos os posibles, senón a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade hispánica na súa diversidade”, apunta. A materia ofrécese tanto no primeiro como no segundo cuadrimestre.
Éxito nos Certificats de Català
A Área de Filoloxía Catalá da USC é tamén a responsable de organizar e administrar anualmente e para toda Galicia, así como para o Noroeste peninsular, as probas oficiais para a obtención dos Certificats de Català do Institut Ramon LLull, encargado da avaliación e certificación dos coñecementos de lingua catalá fóra do dominio lingüístico. A totalidade do alumando da USC que se presentou a estes exames na última convocatoria logrou superar a proba, feito que evidencia a calidade da docencia que neste eido oferta a Universidade xa que, apuntan dende a organización, “a USC non ten nada que ver co proceso de corrección, a cal se leva a cabo en Barcelona”.
As certificacións permiten acreditar o grao de coñecemento da lingua catalá tanto a efectos académicos como laborais, e teñen a todos os efectos a mesma validez e eficacia que as que expide a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, do Govern de les Illes Balears e da Generalitat Valenciana.
Estancia lingüística en Valencia
Serxio Avalo e Abel Rivas, estudantes de catalán dos graos da Facultade de Filoloxía e Diego Valiño, estudante de Física e alumno de catalán do Centro de Linguas Modernas da USC, puideron asemade gozar este verán dunha estancia lingüística en Valencia. Cada ano ofértanse dez prazas reservadas para estudantes de universidades cofinanciadas pola Generalitat Valenciana e o Institut Ramon Llull, das cales tres foron obtidas polos estudantes da USC, os cales lograron a máxima puntuación logo de competir con estudantes das universidades de Cambridge, Turín, Amiens, Autónoma de Madrid, Granada e Salamanca. A estancia totalmente gratuíta abarcou cursos de lingua e cultura, así como visitas a localidades históricas, monumentos, paraxes naturais, ou diversos espectáculos.