Skip to main content
STG

O Congreso Internacional Innovación e Economía Circular, en liña na USC

Economía circular
Economía circular
Os promotores do encontro, organizado xunto coa Rede de Investigación en Innovación e programado na Facultade de Económicas, acordaron a súa celebración virtual para sortear a situación de confinamento que afecta a varios países europeos
Santiago de Compostela

O Congreso Internacional Innovación e Economía Circular, promovido polo grupo Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (Icede) do Departamento de Economía Aplicada da USC xunto coa Rede de Investigación en Innovación (RRI), desenvolverase de xeito virtual do 25 ao 27 de marzo, a fin de adaptarse así aos requirimentos do actual estado de confinamento que afecta a varios países de Europa por mor do Covid-19, segundo informa o comité organizador deste foro internacional, cuxa data de celebración presencial estaba programada para os días 27 e 28 de marzo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

A celebración deste congreso en modalidade virtual antóllase como unha solución innovadora diante dunha situación excepcional que é viable grazas ao apoio técnico prestado pola Área TIC-multimedia da USC. Daquela, as sesións previstas na programación deste congreso, celebraranse a través dunha plataforma virtual á que poderán acceder todas aquelas persoas participantes que estean inscritas. Esta modalidade non presencial contribúe á innovación circular, habida conta da redución das emisións de CO2 evitadas, segundo sinalan os coordinadores do comité organizador, Xavier Vence e Blandine Laperche.

As liñas temáticas do congreso, cuxa inscrición para a asistencia virtual permanece aberta, versarán sobre a relación entre innovación e economía circular, política de innovación, políticas de economía circular e políticas medioambientais e sustentabilidade, tal e como se recolle nun  programa, no que se mantén a participación de profesor Walter Stahel, que ofrecerá o xoves 26, ás 9.30 horas, a conferencia plenaria esta reunión científica.

 

Cartaz do congreso
Cartaz do congreso
The contents of this page were updated on 03.23.2020.