'O galego confinado', tema central do VI Premio Literario 'Mazarelos'

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía convoca a sexta edición do Premio Literario 'Mazarelos', para fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega. Este certame contribúe a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua.
O Premio Literario 'Mazarelos' está dirixido a alumnado de grao, mestrado e doutoramento que estea matriculado na USC en calquera momento do ano 2020, con anterioridade ao 25 de setembro, data de finalización do prazo para a presentación de traballos. Os participantes poderán entregar unha única obra de calquera xénero literario, orixinal, escrito en lingua galega e inédito, arredor do tema 'O galego confinado'.
Este certame está dotado con tres premios de 700, 400 e 200 euros, xunto con diploma honorífico. O Concurso Literario "Mazarelos" conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.