O catedrático José Antonio Caride, premio José Manuel Esteve ao mellor artigo no eido da Educación

O Premio José Manuel Esteve, outorgado pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Málaga, vén de recoñecer o artigo ‘Lo que el tiempo esconde, o cuando lo social necesita de la pedagogía’ do catedrático da USC José Antonio Caride, como mellor artigo publicado en castelán, ao longo de 2018, en revistas científicas do eido da Educación. Este galardón está dotado con 3000 euros.
O obxectivo deste premio é o fomento e difusión de traballos pedagóxicos que contribúan a dar a coñecer, difundir e profundar na reflexión e análise da educación, do seu exercicio profesional e dos seus ámbitos de actuación.
‘Lo que el tiempo esconde, o cuando lo social necesita de la pedagogía’, publicado na revista interuniversitaria Pedagogía Social, aborda como a percepción de que o tempo é igual para todos está a facerse anacos na “sociedade-rede”. “Como nunca antes, as lecturas acerca das súas circunstancias poñen de manifesto a necesidade dunha nova mirada sobre as coordenadas espazo-temporais na vida cotiá, alentando un diálogo interdisciplinar que vaia do local ao global, do particular ao universal, do cronos ao kairós, do biolóxico ao social, do negocio ao lecer”, afirma Caride no texto.
“Nos múltiples escenarios aos que se abren -continúa o autor- estas transicións, situamos os principais argumentos do texto. Nel, aludimos á conciliación como unha oportunidade para construír a equidade, a condición de que vaia máis aló das políticas de emprego, a corresponsabilidade nas tarefas domésticas, ou os cambios horarios. Conscientes de que son desafíos que esixen o pleno respecto dos dereitos humanos, sexan cales sexan as identidades de xénero, a idade, ou o status socioeconómico, reivindicamos a urxencia de educar para conciliar, na escola e na sociedade. Fronte ás inhibicións do pasado, tanto os ensinos curriculares como a educación social están chamadas a implicarse activamente en nome da liberdade, a equidade, a cohesión e a xustiza social. Unha misión na que a Pedagoxía Social pode e debe ter un papel decisivo”, conclúe.