Skip to main content
STG

Máis da metade da actividade emprendedora de Galicia está liderada por mulleres

O informe GEN considera as distintas fases do proceso emprendedor. Foto: Santi Alvite
O informe GEN considera as distintas fases do proceso emprendedor. Foto: Santi Alvite
O informe GEM, dirixido pola profesora da USC Isabel Neira, detecta en 2018 un incremento nas iniciativas emprendedoras innovadoras
Lugo, Santiago de Compostela

As principais conclusións do Informe GEM, dirixido pola profesora da USC Isabel Neira, e que analiza o proceso emprendedor, foron presentadas esta martes no Museo Pedagóxico de Galicia. O documento constata que o 57,66% da actividade emprendedora en Galicia está liderada por mulleres. O incremento da actividade emprendedora en Galicia, detecta o informe, derívase do aumento asociado á actividade emprendedora feminina, que pasa dun 4,52% no 2017 a un 6,43% no 2018. A actividade emprendedora das mulleres continúa así a súa tendencia á alza desde 2016, acadando o segundo maior valor para toda a serie 2005-2018, e superando á masculina galega e a media feminina española.

En relación ao grao de innovación, obsérvase no 2018 un incremento nas iniciativas emprendedoras innovadoras con respecto a 2017, sobre todo nas iniciativas incipientes, cun incremento importante xa que pasa do 23,15% no 2017 ao 37,84% no 2018. É nesta fase onde as iniciativas amosan un maior grao de innovación, con máis do dobre con respecto ás consolidadas.

No relativo á previsión sobre a creación de emprego nos próximos cinco anos, os resultados son diferentes en canto á fase do proceso. No caso das iniciativas incipientes, por segundo ano consecutivo, aumenta significativamente esta previsión, pasando dun 41,46% no 2017, a un 46,85% en 2018. Por outro lado, no caso das iniciativas consolidadas, do mesmo xeito que en edicións anteriores, obsérvase un estancamento das previsións de incremento de persoal, pasando dun 16% no 2017 a un 16,84% no 2018.

Na xornada de presentación dos resultados, que tivo lugar este martes no Museo Pedagóxico de Galicia, tomaron parte Loreto Fernández, directora do Equipo GEM Galicia; Xoan Ramón Doldán, decano da Facultade de Ciencias Economómicas e Empresariais da USC; Juan Cividanes, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); e Luciano Covelo, presidente da Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE). O informe GEN considera as distintas fases do proceso emprendedor, desde a intención previa de poñer en marcha unha iniciativa empresarial, o lanzamento e os primeiros anos da actividade, a consolidación da empresa, e incluso o abandono da mesma.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.