Skip to main content
STG

O e-book Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno, premio nacional de edición universitaria

Portada do e-book
Portada do e-book
A USC acaba de recibir o galardón que o acredita como a Mellor edición dixital e multimedia nos XXII Premios Nacionais de Edición Universitaria

O e-book en formato pdf editado polo Servizo de Publicacións da USC Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno é a mellor edición dixital e multimedia da vixésima segunda edición dos Premios Nacionais de Edición Universitaria. O responsable do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco, acaba de recoller o galardón concedido á USC no transcurso da Asemblea Xeral da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE). Un xurado independente e de recoñecido prestixio elixiu entre un total de 192 títulos candidatados os mellores libros editados en 2018 polas universidades españolas organizados en doce modalidades. En concreto, o xurado valorou o “soporte dixital axeitado á difusión dos contidos visuais desta obra, na que os investigadores realizan unha aproximación ao tema, sen deixar de lado a beleza das imaxes” .

Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno, que competía con obras dixitais e multimedia das Universidades de Sevilla, Autónoma de Madrid, Huelva, Cantabria e UNED, reúne 94 imaxes dos fotógrafos Óscar Blanco, Ana García, Daniel Llamas, Daniel Lois, Alfredo Madrigal, Pablo M. Alemparte, Fernando Rey, Ángel R. Arós e Alba Rodríguez. En conxunto móstrase preto dun cento de instantáneas do ceo nocturno da man “dun grupo de soñadores que, sendo sensibles ao instinto ancestral de mirarmos cara ao ceo, se lanzaron á procura da noite a rescatar ese tesouro apagado polo malgasto de luz artificial”, tal e como apuntan no limiar da obra Salvador Bará Viñas e Jorge Mira Pérez, profesores do Departamento de Física Aplicada da USC, promotores e coordinadores da obra.

Para o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, “o galardón é o recoñecemento a un labor de equipo que tivo unha ‘cociña’ moi complexa, tanto dende o punto de vista da xestión dos dereitos e condicións da cesión entre nove autores como da propia idea do libro, deseño, elaboración técnica, depuración de erros… ata un produto final que contentou a todas as partes, promotores, autores e editores”. Como engade “trátase do tipo de obra imposible de executar sen o punto de entusiasmo indispensable para compensar as dificultades. Ao cabo, o premio é un recoñecemento global á Universidade, en canto institución coa capacidade de interconectar tantas sensibilidades”.

Xurado
O xurado que outorgou o recoñecemento conformábano Ernesto Pérez Zúñiga, xefe do departamento de actividades culturais do Instituto Cervantes; Manuel Rodríguez Rivero, crítico literario; Carmen Rodríguez Santos, colaboradora do suplemento ABC Cultural; Nuria Azancot, xefa de redacción de El Cultural de El Mundo; Iker Seisdedos, redactor xefe de Cultura e Babelia de El País; e Pampa García Molina, coordinadora e redactora xefa do Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC) do CSIC.

Juan Blanco recibiu o galardón no transcurso da Asemblea Xeral da UNE celebrada en Cádiz

The contents of this page were updated on 12.04.2019.