Skip to main content
STG

A USC é a sexta universidade española en captación de axudas do European Research Council

A misión do ERC é fomentar a investigación de máis alta calidade en Europa. FOTO: Santi Alvite
A misión do ERC é fomentar a investigación de máis alta calidade en Europa. FOTO: Santi Alvite
Entre 2007 e 2020, a Universidade de Santiago acadou un total de 18 axudas das distintas modalidades xestionadas polo European Research Council que supuxeron preto de 27 millóns de euros financiados cos fondos destinados á investigación científica no marco da UE
Lugo, Santiago de Compostela

Preto de 21 millóns de euros, esa é a cantidade captada pola USC ao abeiro das convocatorias impulsadas polo European Research Council (ERC) entre os anos 2007 e 2020 nas modalidades Starting Grants, Consolidator Grants e Advanced Grants. A de Santiago é a sexta universidade española respecto ao total de axudas concedidas polo ERC, situándose só por detrás das universidades Pompeu Fabra, Barcelona, Autónoma de Barcelona, Valencia e Autónoma de Madrid. Ademais, sumando os fondos procedentes de tres axudas Proof of Concept e 2 axudas Synergy Grants, as outras modalidades do ERC, a cifra de recursos obtidos achégase aos 27 millóns de euros.

A misión do ERC é fomentar a investigación de máis alta calidade en Europa mediante financiación competitiva e apoiar a investigación de vangarda impulsada por persoal investigador en todos os campos, sobre a base da excelencia científica. Neste senso, as Starting Grants recoñecen a persoal investigador cuxa traxectoria científica abarque entre dous e sete anos de experiencia dende a fin do doutoramento. Pola súa parte, as Consolidator Grants diríxense a persoal científico cunha experiencia de entre sete e doce anos; mentres que as Advanced Grants apuntan a un historial de logros científicos de relevancia nos últimos dez anos e premian a líderes excepcionais en termos de orixinalidade e importancia das súas contribucións á investigación. A esta listaxe hai que sumar as modalidades  Proof of Concept —financiamento adicional para explorar o potencial comercial e social dun proxecto— e Synergy Grants  —dirixidas tamén á investigación na fronteira do coñecemento para proxectos liderados por 2-4 investigadores/as principais que complementan as súas capacidades.

13 IPs

A axuda de dous millóns de euros, correspondente á modalidade Consolidator Grants, outorgada ao proxecto EQUALSEA, liderado polo  profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, Sebastián Villasante, é a última das dezaoito xestionadas pola USC e concedidas polo ERC. Deste xeito, Villasante pasa a integrar a listaxe composta por trece investigadores principais (IP) que executan ou executaron proxectos do ERC na USC. Concretamente, no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) desenvolvéronswe ou están a desenvolverse un total dez proxectos; catro no  Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), e tres no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). 

Taxa de éxito

Ao abeiro do Sétimo Programa Marco (7PM) da UE que se estendeu entre os anos 2007 e 2013, a USC logrou captar máis de oito millóns de euros en axudas procedentes do ERC. Dun total de 74 solicitudes de bolsas tramitadas nese período, conseguíronse cinco axudas do ERC, concretamente, catro Starting Grants e unha Advanced Grant. No aínda vixente programa de investigación e innovación do Horizonte 2020, para o período 2014 -2020, a USC leva captados máis de dezaoito millóns de euros, cunha taxa de éxito que duplica a obtida no 7PM. Neste senso, hai que salientar a taxa de éxito na modalidade  Synergy Grants (50%), chegando aos máis de cinco millóns de euros captados, e igualmente á asociada á modalidade Proof of Concept (38%) de xeito sendo a USC unha das entidades con maior número de axudas.

The contents of this page were updated on 05.05.2023.