Skip to main content
STG

Carmen Álvarez Lorenzo súmase ao claustro do American Institute for Medical and Biological Engineering

Carmen Álvarez. Foto: Santi Alvite
Carmen Álvarez é a segunda galega que se incorpora ao claustro de AIMBE. Foto: Santi Alvite
Convértese na segunda galega que formar parte desta asociación que reúne especialistas nos campos da enxeñaría médica e biolóxica
Santiago de Compostela

A presenza de investigadoras galegas no American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) increméntase coa recente designación da catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC Carmen Álvarez Lorenzo como fellow desta asociación. Convértese na segunda galega que accede ao claustro de AIMBE tras a incorporación de María José Alonso en 2017, e na sexta persoa de nacionalidade española entre os máis de 1.500 integrantes deste claustro altamente cualificado. A designación de Carmen Álvarez tivo en conta a súa “sobresalientes contribucións ao campo dos sistemas bioinspirados para administración de fármacos, e en particular dos entramados sensibles a estímulos e con capacidade de recoñecemento molecular”.  

O AIMBE é unha organización sen ánimo de lucro con sede en Washington DC, fundada en 1991, que reúne as persoas máis relevantes nos campos da enxeñaría médica e biolóxica. O seu obxectivo é fomentar a innovación nestes eidos en beneficio da sociedade. O College of Fellows do AIMBE componse de expertos e expertas recoñecidos como os máis sobresalientes na academia, a industria e no sector educativo, polas súas achegas nos seus respectivos ámbitos de actividade. Na selección dos fellows, ademáis dos méritos científicos, valóranse as actividades en organizacións profesionais e organismos públicos e o compromiso con tarefas de servizo á comunidade.

Carmen Álvarez

Carmen Alvarez Lorenzo, do grupo I+DFarma, é coautora de máis de 300 artigos en revistas indexadas, 365 comunicacións a congresos, dous libros e 17 patentes. As súas publicacións teñen recibido máis de 10.000 citas, e no Web of Science ten un índice h de 50, o que a sitúa na novena posición no ranking deste indicador no ámbito da Farmacoloxía e Farmacia de España. Ten dirixido 22 teses de doutoramento e na actualidade supervisa outras dez, varias delas en colaboración con investigadores de universidades estranxeiras. 

Participa activamente en actividades de achega da ciencia aos rapaces de secundaria e bacharelato (Campus de Verán da FECYT) e para persoas maiores  a través do Cuarto Ciclo. Ademais co-dirixe o Curso de Verano da USC Bioimpresión 3D e coordina o Máster Interuniversitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía. Tamén é membro de consorcios europeos orientados ao deseño de novos sistemas de administración de fármacos para enfermidades oculares e a sistemas trampa para células tumorais.

A profesora Alvarez Lorenzo é académica de número da Real Academia de Farmacia de Galicia e ten sido distinguida con diversos premios. Forma parte do comité editorial de revistas tan prestixiosas coma Journal of Pharmaceutical Sciences, Journal of Drug Delivery Science and Technology, Frontiers in Bioengineering and Biotechnology, Drug Delivery and Translational Research e Journal of Controlled Release. Ademáis, é a editora para Europa, Africa e Oriente Próximo do International Journal of Pharmaceutics.
 

The contents of this page were updated on 02.22.2021.