Quevedo no contexto europeo, a debate na Facultade de Filoloxía

O III Congreso internacional que aborda a figura de Francisco de Quevedo dentro do seu contexto europeo celébrase os días 24 e 25 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC, baixo a dirección da profesora María José Alonso Veloso e impulsado polo grupo de investigación Francisco de Quevedo.
Investigadores das universidades de Xaén, Murcia, Valladolid, Salamanca e Complutense, así como de centros internacionais como as universidades de Orleans, Carolina do Norte, El Colegio de México, Ca' Foscari de Venecia ou Norges Arktiske de Noruega, danse cita para abordar a figura do autor dende distintas ópticas.
Programa
A primeira sesión consta dun grupo de relatorios sobre conceptismo e humanismo para, a continuación, afondar nos perfiles de Quevedo a través das súas cartas, así como na corte vista polo propio escritor e os seus contemporáneos. Xa en quenda de tarde, o congreso analiza ‘Los sueños’ de Quevedo, nunha primeira parte, para de seguido, abordar pautas para favorecer a difusión científica da investigación filolóxica.
Na derradeira sesión do congreso, novas investigacións en torno ao autor, así como a obra ‘El Buscón’, centran as intervencións da mañá. O foro culmina abordando a figura de Quevedo como poeta.
Este encontro científico supón a definitiva consolidación dunha iniciativa que comezou en 2016, co obxectivo de dar a coñecer, desde distintos enfoques e con carácter multidisciplinar, os heteroxéneos vínculos de Quevedo co seu contexto, o máis inmediato e tamén o europeo. O encontro científico reúne a un centenar de asistentes, entre os cales se contan alumnos do grao, en particular de Lingua e Literatura españolas da USC, pero tamén doutras titulacións filolóxicas, así como estudantes de terceiro ciclo.