Skip to main content
STG

O proxecto Suisia analiza a implicación das universidades en materia de innovación social

Entre as persoas participantes, convocaranse premios que implicarán o financiamento de cursos en liña. FOTO: Santi Alvite
Entre as persoas participantes, convocaranse premios que implicarán o financiamento de cursos en liña. FOTO: Santi Alvite
USC, CSIC, Universitat Politècnica de València e Universitat de València toman parte nesta iniciativa coa que procurar sinerxías entre o eido académico e a sociedade
Santiago de Compostela

O proxecto Spanish Universities Involvement in Social Innovation Activities (Suisia) pretende analizar o grao de desenvolvemento das universidades españolas en materia de innovación social. A USC toma parte nesta iniciativa xunto a CSIC, Universitat Politècnica de València e Universitat de València, coa intención de “impulsar esa transformación social na sinerxía enntre Universidade e sociedade”, explica a profesora Isabel Neira.

A creación dunha base con datos de traballos fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) que supoñan unha transformación social é unha das accións que pretende impulsar Suisia, xunto coa recompilación de proxectos docentes novos que desenvolvan habilidades e fortalezan capacidades para a innovación e transformación da sociedade. A iniciativa tamén contempla a identificación de alianzas estratéxicas na execución de propostas cidadás no marco da innovación social. Neste senso, dende o proxecto faise un chamamento á comunidade universitaria no seu conxunto coa intención de que aquelas persoas que o desexen poidan adherirse á rede a través desta ligazón.

Asemade, dende Susia buscan recompilar información de primeira man de profesorado e alumnado para coñecer o panorama da innovación social nas universidades españolas. Entre as persoas participantes, convocaranse premios que implicarán o financiamento de cursos en liña de infografías, design-thinking ou de gamificación, técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo-profesional co fin de conseguir mellores resultados. A estes cursos tamén accederán os estudantes e profesores de  TFGs e  TFMs nos últimos dous anos. Organizar un espazo de encontro con diferentes axentes sociais e académicos, con solucións creativas e factibles que melloren a vida de moitas persoas nas respectivas contornas é outra das metas do proxecto; alén de fomentar as publicacións científicas neste eido.

The contents of this page were updated on 03.01.2021.