Skip to main content
STG

Vinte representantes de universidades europeas participan na ETSE na segunda xuntanza da Acción Marie Curie Nowelties

Imaxe dos participantes no encontro na ETSE. Foto: Iria Lema
Imaxe dos participantes no encontro na ETSE. Foto: Iria Lema
O proxecto busca a posta en marcha de mecanismos de colaboración en estudos de doutoramento entre universidades europeas na área de tratamentos avanzados de augas residuais
Santiago de Compostela

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) acolle a segunda reunión da Acción Marie Curie – European Joint Doctorates ‘ NOWELTIES’ na que a USC é socia pola participación do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) xunto con outras universidades de seis países europeos. Neste encontro están a participar máis de vinte representantes tanto das universidades implicadas coma das empresas colaboradoras.

O principal obxectivo do proxecto NOWELTIES (Joint PhD Laboratory for New Materials and Inventive Water Treatment Technologies. Harnessing resources effectively through innovation) é a posta en marcha de mecanismos de colaboración en estudos de doutoramento entre universidades europeas na área de tratamentos avanzados de augas residuais. Neste marco, este martes 8 firmaranse catro convenios bilaterais na ETSE, coas Universidades técnicas alemás de Aachen (RWTH) e de Munich (TUM). Estes convenios regularán a emisión de títulos de doutoramento conxuntos.

Ademais a ETSE será ao longo de toda a semana a sede da primeira acción formativa (training school) de NOWELTIES, sobre o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais dirixida ao alumnado de doutoramento do citado proxecto. Neste curso, coordinado polo catedrático Francisco Omil e a investigadora Sonia Suárez do Instituto CRETUS, están implicados 18 profesores das universidades de Santiago de Compostela, da Universidade Técnica de Aachen e a de Munich (Alemaña), da Universidade de Ferrata (Italia) e dos centros tecnolóxicos ICRA e Cetaqua.

A orixinalidade deste curso reside no seu enfoque multidisciplinar abordando tanto temas específicos coma son as tecnoloxías empregadas, a microbioloxía, a lexislación vixente, a economía, o impacto ambiental, como aspectos transversais coma estudos de bibliometría, aceptación social ou comunicación, dotando ao curso dunha formación moito más completa. O programa concluirá coa visita técnica á EDAR de Guillarei (Pontevedra) dirixida por persoal técnico da empresa Aqualia na que os participantes poderán comprobar in-situ casos de éxito de tecnoloxías innovadoras implementadas a escala real.

The contents of this page were updated on 12.16.2019.