Skip to main content
STG

A conmemoración do Día da Escola de Enxeñaría pon o foco na intelixencia artificial

O acto serviu para recoñecer de xeito simbólico ao alumando e profesorado do centro. FOTO: Santi Alvite
O acto serviu para recoñecer de xeito simbólico ao alumando e profesorado do centro. FOTO: Santi Alvite
O acto virtual celebrado dende a ETSE serviu para facer entrega simbólica dos Premios Extraordinarios Fin de Carreira, os galardóns aos máis destacados expedientes, así como aos mellores TFG e TFM, entre outros galardóns que serviron para recoñecer a alumnado e profesorado do centro
Santiago de Compostela

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC conmemorou este xoves a súa festividade cun acto institucional que se desenvolveu en liña e que serviu para recoñecer de xeito simbólico ao alumando e profesorado do centro. O relatorio ‘Intelixencia artificial e computación no bordo: smart data versus big data’, a cargo da directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Paula López Martínez, nutriu un acto no que tamén tomaron parte a directora da Escola, Julia González, e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa.

Ao comezo do acto, Óscar Rodríguez Figueiras, secretario do centro, deu lectura á Memoria de Actividades da Escola no curso 2019-20 e na que a loita contra a COVID-19 ocupou un lugar crucial. Neste senso, subliñouse a contribución da ETSE na produción de xel sanitizante dirixido a fornecer ao Servizo Galego de Saúde, alén de á propia Universidade.

Entrega de galardóns

O acto serviu para realizar entrega simbólica dos galardóns Leonardo correspondentes á Docencia e á Investigación, así como o premio Altia ao mellor Traballo Fin de Grao (TFG) no grao en Enxeñaría Informática, o ViAQUA aos mellores Traballos Fin de Grao (TFM) no máster en Enxeñaría Ambiental, e o DXC ao mellor TFM no Máster en Tecnoloxías de Análise de Masivos: Big Data. Asemade, entregáronse os galardóns correspondentes aos Premios Extraordinarios Fin de Carreira, os galardóns aos máis destacados expedientes, así como aos mellores TFG e TFM. Tamén foron entregados os Premios á Calidade Lingüística no eido dos TFG e TFM.

The contents of this page were updated on 04.15.2021.