A metodoloxía educativa de aprendizaxe-servizo, a debate na USC

A aprendizaxe-servizo (ApS) é unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade. Coa intención de promover o coñecemento desta metodoloxía como vía innovadora na educación superior, botou a andar este xoves, en formato integramente virtual, o III Simposio Internacional Aprendizaxe-Servizo na Universidade, baixo o lema ‘Calidade e Empregabilidade’. O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López e, xunto a el, interviñeron a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante; e o presidente do comité organizador, Miguel A. Santos Rego.
O foro puxo o foco no estudo do impacto da aprendizaxe-servizo nas dinámicas de empregabilidade das persoas egresadas nas universidades europeas e contribuíu a identificar os criterios de calidade no marco dos proxectos que se acollen a esta proposta educativa. Examinar o grao de desenvolvemento do proceso de institucionalización da aprendizaxe-servizo nas universidades españolas foi outra das metas deste encontro que se desenvolveu en quenda de mañá e de tarde e cuxo relatorio inaugural correu a cargo do profesor da Universidade de Cardiff, Manuel Souto-Otero.
Diferentes táboas redondas integradas por especialistas abordaron a ApS nas diferentes áreas de coñecemento e nutriron o programa deste foro que se pechou coa conferencia ‘O proxecto Engage Students en Educación Superior. Visión e reflexión’ a cargo de Isabel Menezes da Universidade do Porto.