Skip to main content
STG

A Xornada Universitaria Galega en Xénero pon o foco nas desigualdades en tempos da COVID-19

‘Mulleres, investigación en COVID’, ‘Violencias contra as mulleres’ e ‘Perspectiva de xénero na docencia universitaria’ son os tres eixos temáticos que vertebran a presente edición da xornada. FOTO: Santi Alvite
‘Mulleres, investigación en COVID’, ‘Violencias contra as mulleres’ e ‘Perspectiva de xénero na docencia universitaria’ son os tres eixos temáticos que vertebran a presente edición da xornada. FOTO: Santi Alvite
“Só se pode ser feminista sen matices, con absoluto convencemento”, sinalou o reitor da USC Antonio López no acto inaugural que se desenvolveu en liña este xoves
Lugo, Santiago de Compostela

A Xornada Universitaria Galega en Xénero, impulsada polas tres universidades galegas, conforma un punto de encontro, reflexión e debate para as persoas dedicadas e preocupadas pola perspectiva de xénero na investigación e na docencia universitaria. “Só se pode ser feminista sen matices, con absoluto convencemento”, sinalou o reitor da USC Antonio López no acto inaugural que se desenvolveu en liña este xoves e no que tamén tomaron parte os reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa; xunto á secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; e a responsable da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo. Nesta xornada que chega xa á súa sétima edición, están inscritas 250 persoas e aceptáronse un total de sesenta traballos.

Coa lembranza dos cen anos do pasamento de Emilia Pardo Bazán que se conmemoran neste 2021, arrancou o discurso de Antonio López, quen puxo o foco en como a propia autora constitúe un referente ao definirse a si mesma como “feminista radical”. “Na USC vimos de aprobar no último Consello de Goberno o terceiro Plan de Igualdade da nosa Universidade xa que seguen facendo falta actuacións decididas”, sinalou. Neste senso, o reitor salientou como “a comuñón entre universidades e administración resulta fundamental”.

Antonio López abordou como o incremento da esperanza de vida constitúe unha arma de dous gumes xa que, alén da parte positiva, este feito dilata aínda máis a “brecha de xéneno” xa que son maioritariamente as mulleres as que asumen os coidados dos e das maiores. Este aspecto foi tamén subliñado por Susana López Abella, así como “a dificultade para conciliar o teletraballo” cando se debe atender a persoas dentro do fogar.  “Esta rede ten que ser cada vez máis tupida entre todas as institucións”, quixo subliñar Julio Abalde; mentres que Manuel Reigosa puxo a énfase en como as universidades deben “ser un faro que alumea o mundo” tamén en materia de xénero.

Darlle visibilidade ao impacto da crise

‘Mulleres, investigación en COVID’, ‘Violencias contra as mulleres’ e ‘Perspectiva de xénero na docencia universitaria’ son os tres eixos temáticos que vertebran a presente edición da xornada que se desenvolve baixo o lema ‘Desigualdades de xénero en tempos da COVID-19’. A xornada que botou a andar co relatorio inaugural da socióloga Capitolina Díaz, achégase aos retos que se formulan nos estudos de xénero e no feminismo na actualidade, coa intención de visibilizar o impacto da actual crise sanitaria, social e económica nos ámbitos da violencia de xénero e da traxectoria investigadora das mulleres; así como a importancia da aposta por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero.

Esta edición está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, no marco dos convenios de colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade coas universidades galegas.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, segue o acto inaugural en liña. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, segue o acto inaugural en liña. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.10.2021.