Filoloxía acolle este xoves a celebración do ano novo chinés 2018

Unha xornada na Facultade de Filoloxía conmemorará a celebración do ano novo chinés 2018, o Ano do Can segundo a tradición cultural deste país. Organizado pola Asociación de Estudantes Chineses, a organización educativa Qu Yuan e Erasmus Compostela da USC, a xornada desenvolverase de 19.00 a 21.00 horas no Salón de Actos (piso 1) do centro este xoves 15.
Esta é unha sesión aberta á comunidade universitaria cun abano de actividades que inclúe a proxección dunha curtametraxe sobre o significado da celebración do ano novo chinés 2018 e un concurso de coñecemento cultural sobre este país. Ademais dunha exhibición sobre baile moderno e salsa e maxia, tamén está prevista unha actuación de Guzheng -instrumento musical tradicional-, xogos interactivos, un obradoiro de Taichi e de caligrafía chinesa ou unha exhibición de cancións, entre outras propostas.