Skip to main content
STG

Comparten en Filoloxía a experiencia positiva do máster interdisciplinar de Lingüística Computacional, para implementalo noutros países do mundo

Na xornada participan representantes de máis de 20 universidades e organismos públicos de todo o mundo. Foto: Servimav
Na xornada participan representantes de máis de 20 universidades e organismos públicos de todo o mundo. Foto: Servimav

A Facultade de Filoloxía acolle esta semana unha xornada organizada polo Servizo de Relacións Exteriores da USC para compartir a experiencia dun programa de master interdisciplinar en Lingüística Computacional impartido nesta Universidade con éxito contrastado.

O obxectivo que persegue este encontro, no que participan máis de 20 universidades e organismos públicos pertencentes a países como Uzbekistán ou Kazajistán, é pór en común as directrices seguidas pola USC nesta primeira experiencia para replicar este programa académico nos países socios do proxecto.

Esta actividade enmárcase dentro dos proxectos de Desenvolvemento de Capacidades (Capacity Building) baseados fundamentalmente en asociacións multilaterais entre institucións de educación superior. A metodoloxía empregada para impartir o master combina a docencia presencial e online, e nalgúns casos involucraranse distintas universidades dentro do mesmo programa en función das áreas de especialización de cada unha.

Na xornada inaugural interviñeron a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, e a decana da Facultade anfitrioa, María José López Couso.

Posteriormente, o xefe do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso, explicou en profundidade como se implantará o modelo deste posgrao, que busca establecer sinerxías entre universidades para promover a investigación conxunta, así como atopar fórmulas eficientes que fomenten o diálogo intercultural e simplifiquen a integración na economía mundial.

Na inauguración interviñeron a vicerreitora de Internacionalización e a decana da Facultade anfitrioa. Foto: Servimav

The contents of this page were updated on 02.20.2018.