Skip to main content
STG

Os XVII Premios á calidade lingüística en galego recoñecen os mellores Traballos Fin de Grao e de Mestrado

No caso dos TFG, contémplanse cinco premios de 300 euros e cadanseu diploma acreditativo. FOTO: Santi Alvite
No caso dos TFG, contémplanse cinco premios de 300 euros e cadanseu diploma acreditativo. FOTO: Santi Alvite
Ata o 30 de setembro poderá presentarse a estes premios o alumnado que estea matriculado en titulacións oficiais da USC no curso 2020-2021
Lugo, Santiago de Compostela

Coa finalidade de promover o uso da lingua galega ligada á calidade formal na elaboración e defensa dos traballos académicos do alumnado, a USC, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca os XVII Premios á calidade lingüística en galego. Poderá presentarse a estes premios o alumnado que estea matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado da institución compostelá, no curso 2020-2021, que elabore e, de ser o caso, defenda en lingua galega un traballo no devandito ano académico.

O prazo de presentación de traballos académicos de curso de grao rematou o 31 de xullo, mais permanece aberto o prazo correspondente á modalidade dirixida a Traballos de Fin de Grao (TFG) e de Fin de Mestrado (TFM), o cal remata o 30 de setembro de 2021. A presentación realizarase a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’. O xurado, formado por catro membros designados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, valorará a corrección lingüística, o emprego acaído da linguaxe de especialidade, a calidade na redacción, a presentación da información e a estruturación do traballo.

Galardóns

No caso dos TFG, contémplanse cinco premios de 300 euros e cadanseu diploma acreditativo por cada área de coñecemento; mentres que no relativo aos TFM, concederanse cinco premios de 500 euros, alén dos correspondentes diplomas.

The contents of this page were updated on 08.24.2021.