Skip to main content
STG

Farmacia acolle un encontro sobre a desigualdade de xénero nas patentes de medicamentos e o acceso á saúde

A Facultade de Farmacia acolle dende este luns e ata o mércores o seminario ‘Patentes, medicamentos e acceso á saúde: ¿Existe igualdade de xénero?’, organizado por Farmamundi e a colaboración da Universidade de Santiago, Cooperación Galega e a Escola de feminismos alternativos PeriFéricas.

O encontro centra a mirada na desigualdade de xénero en saúde, nas súas causas e consecuencias e na dificultade das mulleres para acceder a medicamentos, insumos e asistencia sanitaria, principalmente. “A través de exemplos concretos, coma o traballo de Farmamundi en saúde materna en Guatemala e a experiencia de máis dunha década de atención médica e psicolóxica con mulleres sobreviventes de violencia sexual e persoas que viven con VIH, explicamos e reivindicamos a importancia de defender e promocionar a igualdade de xénero no acceso á saúde en calquera parte do mundo”, afirma a delegada de Farmamundi en Galicia, Beatriz Villarquide.

Como colofón, a formación pecharase coa experiencia de Amanda Martínez, farmacéutica e ex cooperante de Farmamundi na RD Congo, e proxectarase o documental 'Temps d,Ecoute' no que se aborda a loita das mulleres congolesas sobre o acceso á saúde.

The contents of this page were updated on 02.26.2018.