Análises xenómicas melloran as estratexias de conservación e xestión sustentable da troita común na Península Ibérica
Os resultados das análises desenvolvidas polo biólogo monfortino Adrián Casanova Chiclana no marco da tese de doutoramento ‘Xenómica de poboacións como ferramenta para a xestión e conservación da troita común (Salmo trutta) da Península Ibérica’ que acaba de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, achegan información acaída para mellorar as actuais estratexias de xestión e conservación dos recursos xenéticos da poboacións naturais de troita común.
A investigación de doutoramento sobre a troita común, un salmónido de auga fría con importancia ecolóxica, comercial e recreativa, realizada por Adrián Casanova Chiclana baixo a dirección dos profesores da área de Xenética da USC Manel Vera e Paulino Martínez, supón un novo avance respecto doutros estudos xenéticos anteriores que xa puxeran de manifesto unha notable estrutura xenética nas poboacións naturais, o que constitúe unha característica biolóxica fundamental para as políticas de conservación da especie.
Os factores que ameazan a riqueza xenética das poboacións de troita común son, aínda así, múltiples, subliña Casanova, quen sinala como un dos riscos máis importantes a introgresión xenética orixinada pola introdución de individuos de acuicultura no medio natural nas últimas décadas. Esta erosión xenética pode ter consecuencias adversas na capacidade de adaptación da troita común, especialmente no contexto dunha redución dos hábitats dispoñibles impulsada, entre outras causas, polo quecemento global.
Liñas principais
Esta nova achega sobre conservación e xestión da troita común estruturase arredor de dúas liñas principais. Dunha banda, o autor presenta unha análise bioinformática para avaliar a robustez das conclusións biolóxicas derivadas da análise de diversos paneis de SNPs (Polimorfismos de Nucleótido Único) procedentes de diferente software bioinformático para a súa obtención e xenotipado. Para a realización deste estudo empregáronse cinco especies acuáticas que representaban diferentes escenarios xenómicos.
A investigación realizouse asemade nun contexto no que, debido á irrupción de novas técnicas como RAD-seq (Restricion site- associated DNA sequencing) o volume de datos xerados creceu exponencialmente na última década, promovendo o desenvolvemento de novas ferramentas bioinformáticas para o seu procesamento, ademais dun incremento no requirimento de hardware necesario (i.e. Centro de Supercomputación de Galicia; CESGA)
A outra das liñas vertebrais desta investigación atinxe a que se empregou por vez primeira unha aproximación xenómica en poboacións de troita común da Península Ibérica para avaliar os niveis de diversidade xenética, estrutura poboacional, patróns de hibridación natural, a introgresión poboacional con individuos de acuicultura da mesma especie e mesmo para avanzar na detección de rexións xenómicas candidatas a estar baixo presión selectiva. Os datos obtidos logo deste traballo antóllanse moi útiles para mellorar as estratexias de xestión e conservación dos recursos xenéticos das poboacións naturais de troita común.
Tribunal de tese e cualificación
A catedrática do Departamento de Bioquímica, Inmunoloxía e Xenética da UVigo Paloma Morán Martínez presidiu o tribunal de tese con mención internacional presentada por este biólogo monfortino. O tamén catedrático de Medicina Preventiva Animal da Universidade de Chile José Manuel Yáñez López e a profesora de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Belén Gómez Pardo completaron a terna de membros dun xurado que outorgou ao autor da investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.