Skip to main content
STG

A USC publica unha escolma dos discursos pronunciados por Juan Viaño durante a súa etapa como reitor

Juan Viaño, reitor da USC entre 2014 e 2018
Juan Viaño, reitor da USC entre 2014 e 2018
Baixo o título `Discursos da reitoría (2014-2018'), o libro busca recoller as políticas e liñas de actuación lideradas polo reitor e deixar constancia das palabras pronunciadas nos momentos máis significativos do seu mandato.

O volume Discursos da reitoría (2014-2018), editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC coa promoción do Consello Social, recolle unha selección das intervencións realizadas polo catedrático de Matemática Aplicada, Juan Viaño, durante a súa etapa á fronte da reitoría da universidade compostelá.

Trátase dunha compilación de discursos pronunciados en distintos eventos de carácter oficial, que abranguen o período comprendido entre a súa toma de posesión o día 9 de xuño de 2014 e o acto de fin de mandato,  o día 6 de xuño de 2018. Inclúense tamén dúas intervencións posteriores a esa data, pero ligadas directamente coa figura do reitor, alén de colaboracións escritas nos medios impresos.

O resultado é unha antoloxía de 71 textos, que respectan a literalidade do momento en que foron escritos e pronunciados, e que se distribúen en tres grandes capítulos  — ‘Dende a tribuna’, ‘Dende o estrado’, e ‘Dende a  escrita’—  co obxectivo de “explicar as nosas políticas, as nosas decisións e as liñas de actuación, de animar, de ilusionar e facer agromar esforzos colectivos, petar nas conciencias e trazar accións de futuro”, segundo recolle o propio autor no ‘Limiar’ co que se abre o volume.

A publicación deste libro dá continuidade a unha colección posta en marcha polo tamén reitor Darío Villanueva cos discursos do seu predecesor á fronte da USC, Ramón Villares, entre 1990 e 1994. Ao abeiro da mesma, chegarían despois novas edicións coas intervencións do propio Villanueva (reitor entre 1994 e 2002), e de Senén Barro Ameneiro (entre 2002 e 2010). Tal e como expresa no volume, Juan Viaño súmase agora a esta iniciativa para “deixar constancia e facer chegar á comunidade universitaria e á sociedade, xa coa memoria repousada, o que considero de maior interese académico, histórico ou simplemente anecdótico, nas palabras pronunciadas nos momentos máis significativos do mandato”.

Discursos da reitoría (2014-2018) está xa dispoñible para a venda na Libraría Dixital da USC.

The contents of this page were updated on 11.05.2021.