Skip to main content
STG

Os novos retos profesionais centran este mércores unha xornada da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo no Hula

A enfermeira, psicóloga e fundadora de Coaching.com, Itziar López Zarrabeitia, abre ás 10.00 horas a quenda de relatorios dun foro que congregará máis de 350 participantes

Os novos retos profesionais que deben afrontar os enfermeiros e enfermeiras centran a temática da vixésima terceira edición das xornadas organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, un foro monográfico que se desenvolverá este mércores, a partir das 9.30 horas, en quenda de mañá, e tarde no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a directora da Escola Universitaria de Enfermaría, Asunción Núñez Magdalena; o director xerente do Hula, Ramón Ares Rico; a directora de Enfermaría, EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada, e a presidenta do Colexio De Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello López, abrirán estas xornadas ás 9.30 horas cunha breve acto inaugural, tralo que comezará a quenda de relatorios.

A enfermeira, psicóloga e fundadora de Coaching.com, Itziar López Zarrabeitia, abrirá a quenda de relatorios deste foro monográfico sobre enfermaría cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Coaching de saúde’ e a través da que pretende achegar aos profesionais da enfermaría ferramentas e habilidades acaídas para traballar cos seus pacientes, a fin de que cada doente asuma unha maior responsabilidade sobre a súa saúde e contribúa así a lograr os obxectivos terapéuticos previstos de forma rápida e estable.

Unha mesa redonda sobre boas prácticas e coidados, guiada pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo Marisol Villarino Paz, dará continuidade ás xornadas, cuxo programa matinal tamén contempla relatorios sobre corazóns adestrados, programas de educación diabetolóxica, ética na contención mecánica, comunicación e coidados ou boas prácticas RNAO.

As xornadas sobre novos retos profesionais no eido da Enfermaría, un foro no que se agarda a asistencia de máis de 350 participantes, terán continuidade en quenda de tarde coa presentacións de comunicacións e pósters sobre investigacións desenvolvidas por alumnado de Enfermaría, así como coa posta en común dalgúns dos traballos de final de grao de defendidos na Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo durante o curso 2016-2017.

The contents of this page were updated on 04.17.2018.