Skip to main content
STG

‘Lugares (d)escritos’, unha aproximación teórico-práctica ás figuras de Pessoa, Zambrano e Valente

O ciclo céntrase nas figuras de Pessoa, Zambrano e Valente
O ciclo céntrase nas figuras de Pessoa, Zambrano e Valente
Filoloxía acolle este ciclo o 17 de novembro, así como o 9 e 16 de decembro, para profundar nestes autores chave na literatura e no pensamento do século XX
Santiago de Compostela

Afondar no coñecemento de tres figuras chave na literatura e no pensamento do século XX, como é o caso do poeta portugués Fernando Pessoa, a filósofa malagueña María Zambrano e o poeta ourensán José Ángel Valente, é a meta que persegue ‘Lugares (d)escritos. Obradoiro teórico-práctico e ciclo de proxeccións’. Esta iniciativa da Facultade de Filoloxía da USC desenvolverase nas tardes dos días 17 de novembro, 9 e 16 de decembro, entre as 18.30 e as 21.30 horas.

Cada sesión nútrese dunha pequena introdución sobre o proxecto documental que se tome como referencia en cada ocasión, seguida da proxección do filme. Finalmente, e tentando establecer un intercambio de impresións continuo coas persoas participantes, levarase a cabo unha análise máis pormenorizada de cada autor ou autora e das súas obras, atendendo simultaneamente ao xeito en que as características daquelas obras condicionan a forma final do ensaio xerado.

Nos tres casos, a análise das obras respectivas planifícase adoptando como guía de achegamento os traballos de documentación, produción, filmación e montaxe que permitiron a realización doutros tantos filmes de natureza ensaística, dirixidos polo responsable do obradoiro, José Manuel Mouriño. Trátase dos títulos Pessoa/Lisboa (2016); María Zambrano e o Método dos claros (2019) e a recentemente estreada José Ángel Valente. Escribir Lugar (2021). Dado que en cada unha destas pezas a idea de “lugar da escrita” ten un papel crucial —Lisboa no caso de Pessoa, a pequena vila de La Pièce en Zambrano e Ourense ou Almería en Valente —, “un dos principais obxectivos deste obradoiro será o de amosar o xeito en que o ensaísmo audiovisual é quen de abrir, en calquera tipo de investigación, perspectivas de aproximación innovadoras, como esta que se fundamenta na sondaxe de espazos a través de obras literarias que foron escritas neses mesmos espazos”, explican dende a organización do ciclo.

Exercicio ensaístico

Durante o desenvolvemento do obradoiro proporase ao grupo de traballo a realización dun pequeno exercicio ensaístico, en formato audiovisual ou empregando outro tipo de diálogos entre imaxe e son, no que se poidan aplicar os coñecementos recibidos e enfocados cara a outras autoras, autores ou referencias literarias que cada participante elixa. Durante a última sesión de traballo, e coincidindo coa proxección especial do documental José Ángel Valente. Escribir Lugar, realizarase una posta en común dos exercicios propostos por cada participante. Os devanditos exercicios serán obxecto dunha valoración conxunta de todo o grupo.

The contents of this page were updated on 11.16.2021.