Skip to main content
STG

As mulleres sitúanse á cabeza do número de iniciativas emprendedoras desenvolvidas en territorio galego

O estudo recolle, ademais, os diferentes perfís que se observan ao estudar as motivacións que impulsan o emprendemento. FOTO: Santi Alvite
O estudo recolle, ademais, os diferentes perfís que se observan ao estudar as motivacións que impulsan o emprendemento. FOTO: Santi Alvite
Con todo, “o medo ao fracaso continúa como unha espada de Damocles para o 44%”, explicou a profesora da USC Isabel Neira na presentación do estudo elaborado polo Observatorio do Emprendemento de España con datos do Global Entrepreneurship Monitor (GEM)
Santiago de Compostela

As mulleres, que continúan por segundo ano consecutivo liderando as iniciativas emprendedoras, considéranse preparadas para emprender no mesmo nivel que os seus homólogos masculinos. Con todo, nos momentos de incerteza derivados da crise ocasionada pola  COVID-19, “só o 20% percibían oportunidades, fronte ao 33% dos homes”, afirmou a profesora Isabel Neira. A docente da USC fixo esta afirmación no acto de presentación dos principais datos relativos a Galicia do estudo elaborado polo Observatorio do Emprendemento de España con datos do Global Entrepreneurship Monitor (GEM), en colaboración con ENISA e Coca-Cola. O informe sitúa as mulleres á cabeza do número de iniciativas emprendedoras desenvolvidas en territorio galego, cunha taxa de emprendemento do 5% en 2020, superando por segundo ano á masculina.  

Os datos de percepción presentados indican, tal e como explicou Neira, que, para o 39% delas, emprender “é un proceso asumible”, e que un 56% considera que sabe como facelo, sendo para o 50% unha boa opción de carreira profesional; porén, subliñou a docente, “o medo ao fracaso continúa como unha espada de Damocles para o 44% das emprendedoras”. “Trátase de percepcións que sempre manifestan nun ton máis pesimista que os seus homólogos masculinos, pero que, con todo, lévaas a liderar todas as fases do proceso emprendedor”, sinalou.

O estudo recolle, ademais, os diferentes perfís que se observan ao estudar as motivacións que impulsan o emprendemento. Na súa maioría, sinalou Neira, figuran as mulleres que emprenden para “gañarse a vida ou por continuar coa tradición familiar”. En menor medida atópanse as motivacións relacionadas con “xerar renda ou riqueza alta”, un feito que, segundo a profesora da USC, “leva a que ao redor da metade das iniciativas reais xa establecidas sexan de niveis de renda baixo”.

Doutra banda, outro dos temas abordados durante a presentación de conclusións do informe foi a consolidación da rexeneración de empresas. Así, aínda que no 71% das empresas de máis de tres anos dirixidas por mulleres as súas promotoras teñen máis de 45 anos, as mozas de menos de 35 anos supoñen o 42% nas iniciativas futuras, tendo ademais niveis de formación altos —no 42% dos casos, un nivel formativo profesional ou universitario—. En definitiva, concluíu Neira, “as mulleres son peza clave no emprendemento galego, consolidándose en innovación e competitividade, pero continuando a necesidade de traballar a percepción da contorna económica e da súa posición de liderado na sociedade”.

A profesora Isabel Neira (no medio da imaxe) presentou as conclusións do informe
A profesora Isabel Neira (no medio da imaxe) presentou as conclusións do informe
The contents of this page were updated on 01.26.2022.