Skip to main content
STG

A teledetección, unha eficaz ‘patrulla verde’ do agro e do monte

Imaxe de estudos termográficos realizados na adega Abadía da Cova, na Ribeira Sacra
Imaxe de estudos termográficos realizados na adega Abadía da Cova, na Ribeira Sacra
A investigación de doutoramento desenvolvida na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC por Marcos Arza García baixo a dirección de Juan Ortiz Sanz e Mariluz Gil Docampo, analiza as potencialidades dos sensores de datos embarcados en UAVs como ferramenta esencial na xestión agrícola e forestal
Lugo

A explotación dos datos procedentes de teledetección con vehículos aéreos non tripulados (UAVs) está a converterse nunha ferramenta esencial na xestión agrícola e forestal máis moderna e, a cada paso, este novo recurso tecnolóxico consolídase como unha eficaz “patrulla verde” que vela pola saúde e a rendibilidade do agro e do monte, dado que posibilita avaliar os procesos de produción e o uso eficiente dos recursos. Estas afirmacións figuran entre as conclusións da tese de doutoramento desenvolvida por Marcos Arza García na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo o título ‘Teledetección con UAVs no ámbito agroforestal e a agroindustria: aplicacións chave en biomasa, supervivencia de plantacións e eficiencia enerxética de adegas’.

A investigación de doutoramento dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Juan Ortiz Sanz e Mariluz Gil Docampo analiza como a dispoñibilidade de imaxes de distintos sensores e a utilización dun gran abanico de tecnoloxías espectrais transformou completamente a forma de monitorizar e xestionar estes sectores. A teledetección espacial e a teledetección aérea mediante aeronaves tripuladas foron consideradas, durante todos estes anos alternativas moi eficientes na análise de grandes áreas de terreo. Sen embargo, apunta Arza García na súa tese de doutoramento, as novas estratexias relacionadas cos conceptos de agricultura e silvicultura de precisión demandan maiores niveis de resolución espacial e temporal nos datos.

Os UAVs, que remataron coa comercialización de datos obtidos por satélites, aeronaves tripuladas e tamén por un outros medios terrestres, permiten satisfacer estas novas necesidades, segundo proba esta investigación desenvolvida na EPS de Enxeñaría da USC, unha tese na que se propoñen fluxos metodolóxicos que achegan solucións operativas baseadas en distintos tipos de sensórica (RGB, multiespectral e/ou termografía IR) para aplicacións chave no sector agroforestal e agroindustrial.

Unha das prestacións máis salientables dos UAVs é a estimación de volumes de biomasa. A cuantificación deste recurso proporciona unha estimación do material celulósico como fonte potencial de enerxía renovable, produción forraxeira para alimentación animal. Fronte aos métodos tradicionais, Arza García suxire a cuantificación de biomasa mediante cámaras convencionais (RGB) e fotogrametría aérea como alternativa de baixo custo fronte aos sensores activos como o LiDAR. O versátil método proposto baséase no cálculo do volume de materia vexetal mediante un factor de densidade que é posible definir en base a algunhas mostras recollidas na parcela.

Os avances no desenvolvemento de sensores multiespectrais posibilita teledetección de moi alta resolución (VHR) e con máis precisión que a información dos satélites. De feito, a firma espectral da vexetación pode revelar se as plantas individuais están a prosperar, se están sometidas a tensións por seca ou se teñen deficiencias de nutrientes, entre outras circunstancias. Este tipo de información dá pé a novas posibilidades no monitoreo da supervivencia de plantacións forestais nos seus primeiros estadios de desenvolvemento.

Loita contra o cambio climático

As novas estratexias globais de loita contra o cambio climático esixen optimizar a eficiencia das edificacións agroindustriais tradicionais e, neste caso, os sensores termográficos embarcados en UAVs tamén poden ser útiles para a inspección de defectos que poden comprometer a eficiencia enerxética dunha adega. Neste senso, Marcos Arza explica na súa tese como os sensores de infravermello térmico (IRT) pasivos poden empregarse en ensaios non destrutivos para a detección de posibles anomalías na envolvente do edificio: perdas de calor, fallas no illamento ou pontes térmicas.

Como plataformas de soporte, as aeronaves non tripuladas, resolven certos problemas existentes coas plataformas terrestres, dotando a este tipo de auditorías dunha maior flexibilidade. No entanto, o control das condicións ambientais (temperatura, HR, etc.) e a elección dos parámetros de calibración radiométrica revélanse como tarefas esenciais, xa que da súa correcta definición depende a precisión obtida nos rexistros termográficos.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático de Expresión Gráfica na Enxeñaría na Universidade de Almería Francisco Manzano Aglugiaro presidiu o tribunal avaliador da tese presentada por Marcos Arza. O profesor de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría. Explotación e Prospección de Minas da Universidade de Oviedo Enrique Carlos Covián Regales e Simón Peña Villasenín, da USC, completaron un xurado que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude ao novo doutor.

Marcos Arza, entre Juan Ortiz e Mariluz Gil, na EPS de Enxeñaría
Marcos Arza, entre Juan Ortiz e Mariluz Gil, na EPS de Enxeñaría
The contents of this page were updated on 03.21.2022.