Skip to main content
STG

Persoal investigador da USC profunda nunha estratexia de desenvolvemento rexional para Xeorxia

Foto de familia dos socios e socias do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia dos socios e socias do proxecto. FOTO: Santi Alvite
O proxecto RURD conta coa participación do grupo ICEDE Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento da USC, coordinado polo profesor Xavier Vence
Santiago de Compostela

Integrantes do proxecto RURD sobre o rol das universidades no desenvolvemento das rexións e no que a USC é un dos socios participantes, mantiveron este martes 29 unha xuntanza co reitor Antonio López e coa vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. Os e as representantes das institucións socias, na súa maior parte procedentes de universidades de Xeorxia, interviñeron neste encontro xunto a membros do grupo ICEDE Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento da USC, coordinado polo profesor Xavier Vence.

RURD naceu coa vontade de crear unha estratexia de desenvolvemento rexional orientada ao coñecemento. Neste senso, as universidades xogan un rol capital como puntos de xeración e difusión do mesmo. Este proxecto no que toma parte a USC persegue que as institucións de educación superior se volvan máis relevantes para as comunidades locais e para as rexións en Xeorxia e sirvan de base para o desenvolvemento rexional. A cooperación con institucións académicas da Unión Europea é outro dos eixos sobre os que se asenta esta iniciativa en tanto permite compartir as respectivas experiencias e introducir mellores prácticas que impliquen a modernización da xestión e que as estruturas administrativas sexan compatibles coas das universidades europeas.

A visita a diferentes centros singulares de investigación da USC, así como á Área de Valorización e Emprendemento, completa o calendario que a comitiva desenvolve en Compostela ao longo desta semana. RURD é un proxecto ERASMUS de desenvolvemento de capacidades das universidades xeorxianas.

The contents of this page were updated on 03.30.2022.