Económicas e Empresariais celebra a súa festividade reivindicando a súa a aposta pola “presencialidade total”

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC celebrou a súa festividade este martes 5 cun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e no que interviñeron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o decano do centro, Xoán Ramón Doldán. “Temos que dotar de vida os centros”, afirmou o reitor en referencia ás diferentes entregas de premios que integraron o programa do acto e ás que é preciso darlles “visibilidade”, afirmou. O profesor Doldán aproveitou a súa intervención para poñer o foco na aposta pola “presencialidade total” na docencia que definiu nos últimos tempos o centro que el dirixe.
“No curso 20-21 apostamos na nosa Facultade pola presencialidade total nas clases de primeiro dos graos de Economía e Administración e Dirección de Empresas e en todos os mestrados (5 oficiais e 2 propios), e no curso 21-22 pasamos a unha presencialidade total en todos os cursos de grao dende o primeiro día de clases”, explicou. “Conseguir todo isto supuxo unha especial dedicación do equipo decanal, da man das indicacións e recomendacións da reitoría, e aínda que sempre quixemos manter unha certa prudencia, tamén quixemos levar ao máximo as posibilidades que as novas circunstancias nos foron permitindo”, matizou o profesor Doldán.
Premiar a calidade
O acto serviu de marco para realizar diversas entregas de premios como a edición número once do certame de pintura CreArte que recaeu en Adrián Francisco Marmolejo Clarhed coa obra titulada ‘El día después, Charkiw’.
A concesión do premio FULGET 2021 foi outros dos apartado deste acto de festividade xa que, tal e como expresou o decano, “a nosa Facultade tamén cre necesario fomentar e ampliar todo o posible a relación coas empresas e institucións públicas e privadas a través de convenios, a realización de actividades complementarias á docencia e de prácticas nas empresas que permitan manter unha colaboración estreita coa contorna empresarial e institucional, e mellorar a formación do alumnado”. Baixo esta premisa, o FULGET que este ano recae en Galletas Daveiga, recoñece cunha periodicidade anual este tipo de colaboracións coa Facultade. Recolleu o premio o coordinador xeral da empresa Xosé Lois Lamazares Vence.
No transcurso do acto, tamén se fixo entrega dos premios extraordinarios de grao 2020-2021 a Ana Martínez Pérez, José Lores Diz e Miguel Ángel Donado Fernández. No capítulo de premios extraordinarios de mestrado 20-21, foron recoñecidos os alumnos Alberto Labisbal Pérez, Tatiana Varela Riveiro, Patricia Mañá Fosado e Silvia Rodríguez Mato. Pola súa parte, Óscar Páramo Telle foi galardoado no marcos dos Premios á calidade lingüística dos TFG 2020-2021, mención na Área de Ciencias Sociais e Xurídicas para o alumno do grao en Economía.
Perspectiva de xénero e acción solidaria
O premio María del Carmen Guisán Seijas á introdución da perspectiva de xénero nos TFG da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que xa chega á súa terceira edición, recoñeceu o traballo de Stella González Fuentes polo TFG titulado ‘A segregación das mulleres no mercado laboral español (2011-2020)’, titorizado pola profesora Eva Aguayo Lorenzo. Finalmente, a sesión serviu de recoñecemento da acción solidaria da facultade co Albergue Xoán XXIII.
