Ciencias Naturais e Artes e Humanidades, áreas de coñecemento da USC mellor valoradas no QS World University Ranking por materias
Ciencias Naturais (293) e Artes e Humanidades (307) son as dúas áreas de coñecemento nas que a USC aparece mellor situada segundo os datos recompilados polo QS World University Ranking por materias. No ámbito das Ciencias da Vida e Medicina e no das Ciencias Sociais e Xestión, a USC ascende ao intervalo 401-450 das mellores universidades do mundo. Para a ordenación das universidades, esta clasificación utiliza como criterios de referencia as valoracións recollidas por medio de enquisas entre académicos en relación á reputación académica das institucións, así como entre empregadores, ademais do índice de citacións por persoal investigador e o índice h.
A USC acada as mellores posicións en dúas materias da Área de Artes e Humanidades, concretamente en Lingüística, no intervalo 151-200, e en Linguas Modernas, no 201-250, e en Agricultura e Silvicultura (151-200) e en Farmacia e Farmacoloxía (201-250), estes dous últimas da Área de Ciencias da Vida e Medicina, ámbito do que tamén destacan Medicina, no intervalo 351-400 e Ciencias Biolóxicas, no 401-450.
Entre as 250 mellores do mundo tamén se sitúa Enxeñaría Química (201-250), encadrada na área de Enxeñaría e Tecnoloxía, e Educación, da área de Ciencias Sociais e Xestión, no intervalo 251-300. No ámbito específico das Ciencias Naturais, as materias nas que a Universidade de Santiago figura como mellor valorada son as de Matemáticas e a de Ciencias Ambientais, en ambos casos no intervalo 251-300 das mellores institucións do mundo e en Química e en Física e Astronomía no 351-400.