Un seminario reivindica en Formación do Profesorado o valor da educación como factor chave no cometido pedagóxico dos penais
O seminario ‘Educacións en prisión. Experiencias en Galicia’, organizado conxuntamente polo grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC e a asociación Aliad Ultreia de Lugo reúne este martes na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo uns 70 participantes, na súa maioría profesionais e voluntarios de entidades e asociacións que desenvolven labores de educación e re-educación nos penais.
Os promotores deste seminario, unha actividade que se encadra no marco da liña de colaboración e acción socioeducativa que manteñen desde 2011 o grupo Sepa-interea e Aliad Ultreia no penal de Monterroso, pretenden xerar un espazo de encontro e intercambio entre profesionais e voluntariado que desenvolve labores educativos nas prisións. Trátase asemade dunha acción aberta a participación de profesionais da educación interesados polo ámbito penal, a fin de compartir experiencias, reflexionar e impulsar estratexias de traballo colaborativo para fortalecer a dimensión pedagóxica das cadeas, segundo se subliñou na apertura deste foro.
A vicerreitora de Ordenación Académica da USC, Celia Besteiro; o presidente de Aliad Ultreia en Lugo, Manuel Varela; a profesora e investigadora do grupo Sepa-interea da USC Carmen Morán; o director do centro penal de Monterroso, Antonio Rivera, e María Barba, en representación do comité organizador, tamén participaron na sesión inaugural deste seminario, que, entre outros cometidos, permite afondar e reivindicar o valor da educación como elemento primordial na función (re)educadora da prisión.
A análise dos límites e potencialidades das accións educativas neste contexto, a divulgación das iniciativas que se están a desenvolver en Galicia e a creación dunha rede ou dinámica de traballo conxunto acaída para fortalecer o traballo educativo nos penais galegos, constitúen outras das premisas deste foro.
O programa deste seminario inclúe dúas conferencias-marco impartidas por Fernando Gil Cantero, profesor da Facultade de Educación na Universidade Complutense de Madrid, e Enrique Arnanz Villalta, especialista en desenvolvemento comunitario, particularmente en ámbitos de exclusión, e director de programas de preparación para a liberdade. As integrantes da Asociación Extramundi Coro González e Lorena Durán dinamizarán un obradoiro de traballo de colaboración en centros penais. Asemade, no marco deste seminario tamén se presentarán dezasete experiencias desenvolvidas por diversas entidades externas e centros educativos de prisións galegas.
Asistentes ao foro