Nace en Filoloxía ‘Que andamos tramando?’, para favorecer a colaboración investigadora no ámbito da lingüística

Fortalecer vínculos e explorar vías de cooperación entre o persoal investigador en lingüística da Facultade de Filoloxía é a finalidade da acción ‘Que andamos tramando?’, unha iniciativa de docentes do centro que comezou estes días.
A actividade consiste en dúas presentacións informais nas que un investigador/a predoutoral e un/ha doutor/a comentan aspectos das súas investigacións en curso, dando pé a un coloquio posterior coas persoas asistentes. Neste primeiro encontro participaron o investigador predoutoral Vítor Míguez Rego, que presentou aspectos da súa tese sobre a modalidade en galego, e María José Rodríguez Espiñeira, que falou sobre os denominados dativos de solidariedade no castelán de Galicia, en galego e noutras linguas.
‘Que andamos tramando?’ xurdiu como unha idea de Francisco Dubert, María José Rodríguez, Xulio Sousa e Victoria Vázquez de facilitar a interacción e colaboración entre o persoal investigador do centro, que traballa sobre un amplo abano de linguas coma o galego, o portugués, o español, o latín, o grego, o indoeuropeo, o inglés, o francés, o alemán, o italiano, o catalán ou o romanés.
Os encontros realizaranse cunha periodicidade bimensual, de modo que o próximo se celebrará a finais do mes de abril. A participación, quer como asistentes, quer como poñentes, está aberta a profesorado e persoal investigador da Facultade de Filoloxía e tamén facultades que están a desenvolver a súa investigación no ámbito da lingüística.