Skip to main content
STG

O CECOOP rende tributo a Manuel Botana, primeiro director do centro, no seu vixésimo aniversario

Homenaxe ao profesor Manuel Botana na celebración do vixésimo aniversario deste centro de estudos e investigación. FOTO: Santi Alvite
Homenaxe ao profesor Manuel Botana na celebración do vixésimo aniversario deste centro de estudos e investigación. FOTO: Santi Alvite
O Centro de Estudos Cooperativos de Galicia é o único especializado en materia de economía social na comunidade

O persoal investigador do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) da USC rendeu tributo, este venres 21, ao que foi o seu primeiro director e, na actualidade, presidente do seu comité científico, o profesor da USC, Manuel Botana. O acto, coa intervención do delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento Luis Otero, enmarcouse na celebración do vixésimo aniversario deste centro de estudos e investigación.

O profesor Botana foi o impulsor do CECOOP, aprobado en 2002 en virtude dun convenio entre a USC e a Xunta de Galicia, como centro de carácter mixto dedicado á investigación, formación e estudo do cooperativismo nas súas dimensións económica e xurídica, nos ámbitos galego, español, europeo e internacional, sendo este o único centro de estudo en materia de economía social en Galicia.

“Durante os anos nos que o profesor Botana foi director do centro, desenvolveuse un amplo abano de actividades como xornadas, seminarios ou congresos, publicándose numerosas monografías cun claro compromiso coa sociedade e a economía social, particularmente no eido cooperativista galego”, apuntou a profesora Maite Cancelo, actual directora do centro. Ademais, o interese do profesor Botana conseguiu situar o CECOOP no ámbito estatal e internacional, ao asocialo ao Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC-España).

Ademais do homenaxeado, o delegado do reitor e a profesora Cancelo, tamén participaron no acto María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Celso Gándara, presidente de Foroesgal; Xoán Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; José Luís Monzón, director de CIRIEC España; e Adoración Mozas, presidenta de CIRIEC España. Os e as participantes na homenaxe coincidiron en resaltar a calidade profesional do profesor Botana como director de proxectos de investigación e tese doutorais, pero sobre todo, a súa calidade humana, como compañeiro e amigo.

The contents of this page were updated on 10.21.2022.