Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

STG

Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?

Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?
Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?
A segunda Regueifa de Ciencia deste ano será o luns 22 ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación

Na segunda Regueifa de Ciencia deste curso, a celebrar o luns 22 ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación, especialistas internacionais debaterán sobre en que medida o xénero é unha construción social ou biolóxica.

A existencia de roles de xénero complica moito a distinción de similitudes e diferenzas entre homes e mulleres de xeito natural. A interpretación social de ser home ou muller ten outorgado a cada persoa a súa función no mundo antes de nacer, e por iso hoxe faise complicado discernir que hai de biolóxico e que hai de cultural e aprendido no xénero. Dende a psicoloxía, moitos estudos se teñen centrado en investigar se esta distinción de roles se debe a diferentes aptitudes innatas ou, pola contra, se as desigualdades sociais son as que crearon estas diferenzas.

Partindo desta problemática, á pregunta ‘Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?’ defenderán o ‘si’ a investigadora da London School of Economics Rosalind Arden e o profesor de Psicobioloxía na Universitat de València Ferran Suay. No equipo do ‘non’ intervirán a escritora e xornalista autora do libro Inferior Angela Saini e a profesora de Investigación do ICMM-CSIC e membro da Comisión Muller e Ciencia do CSIC Pilar López Sancho.

Directo ou streaming
Regueifas de Ciencia é unha serie de debates en formato Oxford arredor de temas científicos controvertidos que se celebra por terceiro ano consecutivo. Ao longo das dúas edicións anteriores tratáronse cuestións como a experimentación animal, a modificación xenética, a industria alimentaria, seguridade e privacidade dixital, ciencia e fe...

Os debates de Regueifas de Ciencia poden ser seguidos en directo dende a sala (entrada libre ata completar aforo), por streaming dende a páxina web da iniciativa ou ser vistos despois a través da canle de YouTube. “Tratamos de facilitar que calquera persoa interesada poida ver os debates. Mesmo poden preguntar aos relatores dende a casa e ser respondidos”, comentan dende o equipo organizador. Dado que este debate conta con relatores internacionais, a organización ofrecerá tradución simultánea para quen a necesite, tanto ao público da sala como o da casa.

Nesta edición de 2018, Regueifas de Ciencia amplíase coa convocatoria de Regueifiñas, un certame de debate dirixido a centros de ensino secundario, bacharelato e ciclos medios de formación profesional.

Regueifas de Ciencia, formada por profesores, investigadores e profesionais da comunicación científica, está promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e financiada pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), pertencente ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Conta tamén coa colaboración de Leonor Parcero&Co.

The contents of this page were updated on 10.19.2018.