USC e Centro Dramático Galego establecen sinerxías na procura de novos proxectos escénicos

O fomento e a difusión da cultura entre a sociedade é un dos obxectivos fundamentais da USC xunto co pulo e acollemento de actividades intelectuais en calquera eido da cultura e do coñecemento. Coa vontade de facer fronte a este reto, a institución compostelá e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a través do Centro Dramático Galego (CDG), acaban de asinar un convenio de colaboración que permitirá a cesión de espazos entre as dúas entidades para o desenvolvemento de diferentes proxectos escénicos.
En base ao documento asinado polo reitor Antonio López e o director de AGADIC Jacobo Sutil, a USC cederá o Salón Nobre do Colexio de Fonseca para os ensaios e a representación do espectáculo ‘Shakespeare en Roma’. Pola súa parte, AGADIC permitirá que a USC bote man do Salón Teatro co gallo da celebración do Festival Internacional de Teatro Universitario e do Festival USCénica. A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, tamén participou no acto de sinatura xunto co director do CDG, Fran Núñez.
O acordo permitirá conectar o mundo escénico profesional co público universitario. Relatorios, obradoiros ou faladoiros, entre outras actividades de divulgación cultural, permitirán que a comunidade universitaria e particularmente o alumnado coñeza de primeira man o universo escénico e se involucre nos seus mecanismos de actuación. Ademais, esta liña de acción busca desenvolver proxectos artísticos pedagóxicos nos que a acción teatral se introduza no currículo académico e poida incidir na formación integral do alumnado. Deste xeito, e tal e como se establece no convenio, AGADIC realizará actividades de mediación e promoción cultural a partir da temática de ‘Shakespeare en Roma’ nas facultades de Historia, Ciencias Políticas e Sociais, Filoloxía e Filosofía.
A cesión do Salón Nobre de Fonseca abarcará do 1 de decembro de 2022 ao 3 de abril de 2023. A estrea de ‘Shakespeare en Roma’ terá lugar o 9 de febreiro. Pola súa parte, a USC disporá do Salón Teatro do 6 ao 11 de marzo de 2023 para a realización do Festival Internacional de Teatro Universitario. A institución universitaria tamén botará man deste espazo durante tres días do mes de xullo co gallo de USCénica.
