Skip to main content
STG

Corresponsables expande a novas localidades propostas de conciliación a través da actividade físico-deportiva

O Plan permite a habilitación de coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións
O Plan permite a habilitación de coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións
A USC participa desta iniciativa dirixida a nenos e nenas de ata 16 anos, en máis dunha vintena de concellos galegos
Lugo, Santiago de Compostela

O Plan Corresponsables da USC que favorece a conciliación das familias con rapazada de ata 16 anos a través do fomento de actividades físico-deportivas, amplía o seu abano de actividades e chega a novas localidades galegas. Deste xeito, o programa incorpora xornadas de tecnificación de fútbol en Dumbría, Bastavales (Brión), Pobra do Caramiñal ou A Escravitude (Padrón). Ademais, a Multiaventura Corresponsable desenvolverase no Concello de Viveiro; mentres que o Duatlón Cros terá lugar en Santiago. A todas elas engádese o ‘Sprintiño en familia’ de Friol, no que se agarda a participación de preto dun cento de nenos e nenas; ou Xogando coas probas combinadas, actividade que se desenvolverá en Lugo.

Este programa nace ao abeiro dun convenio asinado polas tres universidades públicas galegas coa Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deporte a través da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, co apoio da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade. A USC desenvolve, pola súa parte, un diverso calendario de actividades en máis dunha vintena de concellos das provincias de Lugo e A Coruña. O rexistro para as persoas que queiran acollerse a Corresponsables pode facerse a través desta ligazón.

Corresponsables, no que se agarda a participación de máis de 1.500 persoas ata decembro, constitúe “un importante esforzo de xestión”, explicou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, quen tamén subliñou que esta iniciativa é tamén froito das sinerxías que a USC fomentou a comezos de curso a través de diversas xuntanzas co tecido asociativo de Lugo e Santiago no eido deportivo. Algúns dos cursos ofertados desdóbrase en múltiples grupos que tentan achegar unha oferta flexible e tocar un amplo espectro xeográfico. A USC pon a disposición das persoas interesadas este formulario de contacto para solucionar dúbidas e ampliar información.

Corresponsables concíbese no seu primeiro ano de implantación como un apoio específico das necesidades de conciliación das familias, pero presta atención tamén a outros eidos de actuación relacionados coa creación de emprego, a dignificación e recoñecemento da experiencia profesional de coidados, ou a sensibilización en materia de corresponsabilidade, entre outros. Deste xeito, o desafío radica en deseñar sistemas integrais de coidado dende unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos que promovan a corresponsabilidade entre mulleres e homes.

Hábitos saudables

O Plan permite a habilitación de coidados a través de actividades de animación socio deportiva, eventos deportivos, obradoiros, campionatos e exhibicións. Tamén se poderán desenvolver accións formativas sobre hábitos de vida saudables, primeiros auxilios no contexto deportivo, nutrición, violencia e igualdade no deporte, entre outros temas de interese. En concreto, a USC dá pulo a un cento de grupos de actividades a través de oito liñas de actuación que xa poden consultarse na páxina web do proxecto

Piragüismo, primeiros auxilios, xogos tradicionais, danzas urbanas, ou hip-hop súmanse ás iniciativas recentemente impulsadas e son tan só algúns exemplos das actividades ofertadas e xa postas en funcionamento pola USC nestas semanas, tanto en Santiago como en Lugo. Algunhas delas estanse a desenvolver co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

The contents of this page were updated on 12.13.2022.